A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, participou nun foro organizado pola asociación Patrimonio Laurentino e o Concello arredor da figura deste ilustre lucense no que estivo o reitor da Universidade de Santiago e o presidente da Real Academia Galega
Lugo, 18 de xuño de 2022. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Contas, Mayra García Bermúdez, participou este sábado na II Xornada dedicada a Francisco Fernández del Riego Unha vida dedicada a facer país, que acolleu o Mosteiro de San Salvador de Vilanova, en Lourenzá. Un acto que xirou arredor das conferencias do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e do presidente da Real Academia Galega, Victor Fernández Freixanes, que afondaron arredor da figura deste ilustre laurentino.
A Deputada felicitou á asociación Patrimonio Laurentino e ao Concello de Lourenzá por organizar esta cita dedicada a estudar, recoñecer e lembrar a figura deste lucense universal e ilustre. “O compromiso de Fernández del Riego coa lingua e coa cultura galega foi constante ao longo dos seus 97 anos dunha vida lonxeva, plena de actividade, cunha lucidez de análise e cunha capacidade de traballo que o acompañaron sempre”, explicou García Bermúdez.
Puxo o foco en que a súa figura non admite ben á síntese, xa que foi escritor, editor, columnista e divulgador, entre outras facetas. “É complexo resumir en poucas palabras a dimensión total do seu traballo. Pódese dicir sen esaxerar que o galeguismo e a cultura galega que hoxe coñecemos non terían sido a mesma sen a súa figura”. Detallou a Deputada que “Fernández del Riego sempre mantivo o amor pola súa terra. Salvador Lourenzá foi o seudónimo co que firmou moitos escritos en prensa, e demostrou que os maiores logros no eido cultural poden xurdir de calquera vila do rural galego”.
“Estou segura de que, como home do rural e da cultura, Don Francisco estaría hoxe moi contento de ver xuntos na súa vila ao presidente da Real Academia Galega e ao Reitor da Universidade de Santiago de Compostela porque, se dende as vilas xurde o mellor da nosa cultura, é importante que as institucións que a representan manteñan esa ligazón co rural”, subliñou na súa intervención.
Expuxo García Bermúdez que “falar de Fernández del Riego en Lourenzá supón, por iso, pechar un círculo simbólico. O dun neno que sae da súa aldea para converterse nun galego universal, e que, mesmo logo de deixarnos, segue sendo un estímulo para que non esquezamos a importancia de apostar pola formación e pola cultura. O acceso ao ensino público e a conexión cos circuítos culturais son, sen dúbida, ferramentas imprescindibles para garantir o futuro do rural”, afirmou. E nesas reivindicacións de educación e cultura, “a Deputación de Lugo está sempre a carón dos concellos, apoiando as súas reivindicacións e apoiando iniciativas como esta. Iniciativas que nos din que debemos falar de cultura tamén no rural, ese rural que estivo sempre no corazón de Francisco Fernández del Riego”.