Viveiro, 17 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro reuniuse co presidente da Asociación Cultural Deportiva Penalba, Juan Canoura, e cun representante de Puerto de Celeiro, Eduardo Míguez, para buscar unha solución que permita que neste 2022 poida celebrarse a Festa da Merluza, tendo en conta que se están a executar obras no espazo no que habitualmente se viña celebrando.
“Tras dous anos de pandemia, nos que non foi posible disfrutar desta celebración e ante a problemática existente, o Concello de Viveiro asume facerse cargo da carpa de grandes dimensións, nas inmediacións da piscina municipal, para solventar este problema e garantir o espazo necesario para a súa celebración”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
“Estamos na obriga de facer todo o posible, xa que esta festa serve ademais como reactivación da economía local e do sector servizos”, apunta.
A Festa da Merluza do Pincho, que conta coa distinción de Festa de Interese Galego, é unha das festas gastronómicas máis importantes de toda a comarca e caracterízase pola implicación dos veciños e veciñas da parroquia, e incluso de todo o concello, colaborando coa Asociación Cultural e Deportiva Penalba, encargada da organización, para que todo sexa un éxito.
Tamén é fundamental o papel da Cofradía de Pescadores de Celeiro e mais do grupo empresarial Puerto de Celeiro, pola súa inestimable colaboración ao doar a merluza do pincho necesaria para a celebración da festa.
“É unha alegría saber que o vindeiro 16 de xullo, en Celeiro, poderemos disfrutar novamente desta Festa e saborear este magnífico produto, preparado de sete maneiras diferentes, todas elas, deliciosas. Non podía ser doutra maneira cando o ingrediente principal é a merluza do pincho, pescada con palangre polos barcos de Puerto de Celeiro en aguas do Gran Sol, baixo criterios de sostenibilidade medio ambiental e social”, engade Loureiro.
A merluza del pincho de Celeiro, que é o produto gastronómico máis representativo do noso concello, é un alimento de grandes beneficios nutricionais e extraordinario sabor, que conta con numerosos premios e certificacións que avalan a súa calidade.
Para o Concello de Viveiro é unha honra colaborar coa organización da Festa da Merluza, como vén sendo habitual, e continuar promocionando este produto a través da nosa participación en diferentes feiras, conseguindo que a merluza do pincho de Celeiro sexa recoñecida internacionalmente.