Realizaron esta actividade na praia do Perdouro por seren un lugar onde acostuma atoparse bastante lixo
Burela, 16 de xuño de 2022. O centro de educación ambiental Gaia do Concello de Burela realizou esta mañá unha actividade de limpeza da praia do Perdouro co alumnado de 3º de primaria do Ceip Vista Alegre para sensibilizar e concienciar sobre a importancia e coidado do medio mariño.
Alumnos e alumnas deste centro acudiron ao Perdouro acompañados das monitoras de Gaia por seren unha das praias onde máis lixo se atopa, dispostos con luvas reutilizables e sacos de rafia para depositar os refugallos. Recolleron restos de materiais, redes, nailon, algunha botella de vidro e, sobre todo, moitas botellas de plástico.
Nesta actividade de limpeza explicaron a importancia de non tirar nada ao chan cando van pola rúa, nin tampouco na praia, especialmente agora que vén o verán, porque todo remata no mar. “A rapazada xa sabe que cando o mar ten subidas e baixadas de marea, devolve todo á praia, contaminando estes espazos naturais e afectando gravemente ao medio e ás especies”.
Tamén puideron comprobar que moitas das cousas que se atopan na recollida de lixo son cousas que se tiran polo retrete ou polo fregadeiro. “Se tiran toallitas hixiénicas polo inodoro pode chegar a atascarse a Edar, deixando de funcionar e vertendo todo ao mar directamente”. As monitoras concienciaron ao grupo de recollida da importancia que ten non tirar nada polo inodoro, “nada que non sexan as tres P, pipi, popo e papel”, unha fórmula nemotécnica para que lembren que non todo se pode tirar ao WC.
Unha experiencia educativa máis promovida por Gaia para detectar a problemática existente na contorna marítima e aprender a importancia da boa xestión dos residuos, sobre todo os plásticos, co fin de frear o impacto medioambiental, paisaxístico e económico que ten para o concello.