Viveiro, 16 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro lembra que xa está en marcha o programa ‘Descubre Viveiro’, unha iniciativa de promoción turística que ofrece información sobre paseos e rutas de sendeirismo, así como unha gran cantidade de material gráfico e audiovisual sobre distintos puntos de interese.
“É un proxecto moi ambicioso e adaptado ás novas tecnoloxías para dar a coñecer o noso concello, un lugar con todos os servizos necesarios para vivir todo ano nunha contorna natural privilexiada”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
A iniciativa busca dar a coñecer os espazos paisaxísticos, rutas, paseos e lugares máis destacados do municipio. Deste modo, ‘Descubre Viveiro’ ofrece nos seus perfís de Instagram, TikTok, Youtube e Wikiloc diferentes rutas e información sobre a vila. Ademais, difundirase o material desta campaña a través do Facebook de Viveiro Turismo.
De forma progresiva daranse a coñecer rutas e paseos virtuais, así como vídeos de zonas urbanas e de espazos naturais. Ademais deste material, cada unha da rutas ou paseos contará con folletos, trípticos e tracks do percorrido, entre outra información.
Tanto os visitantes como a cidadanía poden obter información sobre os recursos turísticos de Viveiro a través destas plataformas e incluso visualizar previamente as rutas propostas.
A campaña une baixo o selo “Descubre Viveiro” unha gran cantidade de información turística, especialmente a través de rutas e paseos, co valor engadido de poder consultar ao mesmo tempo folletos ou visualizar vídeos sobre o percorrido.
Instagram: https://www.instagram.com/descubreviveiro/
Wikiloc: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=10788072
Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCIYsgbXkVHHsg6SFM4HJv5g/featured
TikTok: https://www.tiktok.com/@descubre_viveiro?lang=es
Facebook: https://www.facebook.com/turismoviveiro