Ribadeo, 15 de xuño de 2022. A cuarta edición da carreira nocturna Rinlo-Ribadeo celebrarase o día 20 de agosto. A proba está organizada polo Club Atletismo Ribadeo, conta coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia e foi presentada no salón de sesións do Pazo de Ibáñez.
O alcalde, Fernando Suarez, subliñou: “queremos transmitir a nosa ledicia porque estas cousas se volvan ir introducindo despois da pandemia, despois de dous anos de non ter practicamente actividades de todo tipo. Agora todo o mundo quere cultura, todo o mundo quere deporte, todo o mundo quere saír e estamos moi orgullosos. Nós como Concello estamos encantados de colaborar como sempre cunha entidade deportiva como este club sen ánimo de lucro e que está dando o mellor cun montón de xente nova axudando, correndo e agora tamén organizando, outra vez por cuarto ano, esta carreira nocturna entre Rinlo e Ribadeo”. O rexedor dixo que “como é nocturna non se pode ver a marabilla da paisaxe porque é de noite, pero si que se pode advertir o que é unha orografía riquísima por unha ruta preciosa e logo con todo o calor de toda a xente que vai estar tanto en Rinlo como en Ribadeo á chegada nunhas datas, o 20 de agosto, onde Ribadeo esperemos que estea ateigada ata a bandeira. Así que moitas grazas por este esforzo e desde o Concello estamos encantados de colaborar”.
O xefe territorial de Deportes, Manuel Otero, salientou que “esta cultura da carreira tradicional medrou moito porque ten unha labor familiar espectacular. Para o ano que ven imos vernos presentando a quinta edición da carreira nocturna Rinlo-Ribadeo. Agardamos que esta sexa todo un éxito e parabéns a todos os que colaboran, en especial ao Club Atletismo Ribadeo pola labor que está a facer”.
Ana Ferradás do Club Atletismo Ribadeo asegurou que “estamos moi ledos de poder volver organizar a cuarta carreira que levamos dous anos sen poder facer por prudencia porque non queríamos arriscar a saúde de ninguén. Esta carreira tivo moito éxito nas anteriores edicións. Non se pode ollar a paisaxe pero si sentila, os sons da noite e do mar que se vencellan en si mesmo. A chegada tamén é espectacular en Ribadeo e nós tentaremos seguir abraiando a todos os participantes. Ás oito da noite empezará a carreira dos cativos e ás nove e media serán os infantís e cadetes os que sairán dunha zona moi fermosa como é o Faro de Ribadeo. Despois a carreira grande xa será super espectacular porque sairá en Rinlo, que é unha vila mariñeira con gran tradición gastronómica que todos poderán coñecer e Ribadeo tamén ten unha ampla gama de restauración e hoteis onde poderán pasar a noite. Nós estamos moi ilusionados con que esta carreira teña o éxito como mínimo da anterior edición e que todos saian satisfeitos. Nós estamos a traballar o máximo posible por abraiar a todo o mundo, desde o que chega o último ao primeiro, e que todo saia ben”.
E o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, lembrou que “dispoñemos aquí dunha ampla gama e estimadísima colaboración de voluntariado que sen el non poderíamos facer todos estes eventos. Nunca me cansarei de recordar que tanto a carreira de Rinlo como a media maratón e todos os eventos deportivos que se fan, colaboran con nosoutros todo este voluntariado. Tamén queremos agradecer a todos os colaboradores, todas as entidades, o Club Atletismo Ribadeo, a Xunta neste caso a Manolo Cadramón e desde a nosa área do Concello de Ribadeo estamos á súa disposición”.