Ribadeo, 7 de xuño de 2022. Coa inauguración da exposición Amar a mar: Mariñas, Marosas e Maruxainas, da Rede Museística Provincial de Lugo, deron comezo esta tarde as actividades do II Ribadeo Ilustrado.
No acto interviñeron o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, Encarna Lago, a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, e Mª Carmen, unha percebeira de Rinlo que protagoniza xunto a outras quince mulleres da Mariña esta mostra. Concelleiros da Corporación Municipal e a deputada provincial Mónica Freire asistiron á inauguración da exposición.
Mañá ás 19:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello, que é o Pazo de Ibáñez, haberá unha conferencia a cargo de Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela que falará de Antonio Raimundo Ibáñez e Ribadeo: un empresario nunha vila dinámica. A continuación, as 20:30 horas, terá lugar a representación teatral Chegada á vila de Ribadeo do coronel do Rexemento Provincial de Mondoñedo, portador da proclama da Xunta Superior do Reino de Galicia. Declaración de guerra a Napoleón. Correrá a cargo do actor e guía turístico Suso Martínez. E ás 21:00 horas Os Quinquilláns Teatro ofrecerá a representación Ribadeo Ilustrado.
O sábado 11 haberá dúas conferencias no salón de plenos da Casa do Concello: ás 11:30 horas o carpinteiro de ribeira Francisco Fra falará sobre A carpintería de ribeira e a navegación a vela en tempos do Marqués e ás 12:30 o director do Museo Casa natal Marqués de Sargadelos, Iker Nogales Astudillo, ofrecerá a charla titulada As orixes do Marqués de Sargadelos e formas de vida na comarca de Oscos no século XVIII.
Ademais de 17:00 a 20:00 horas na Praza dos Catro Canos haberá unha demostración do traballo artesanal das redeiras Cabo Burela e de 17:00 a 19:00 horas no Patín terá lugar unha demostración do traballo artesanal da tecelá María José Lois Vázquez. Tamén están programadas actividades para xs nenxs no parque de San Francisco: de 10:45 a 12:45 horas, obradoiro de monicreques a cargo de Mircromina Títeres, que ás 13:00 horas representará Vacacións no mar.
E o domingo 12 rematarán as actividades do II Ribadeo Ilustrado cunha visita á capela de San Francisco, fundada en memoria de Martínez Bengoechea, na Casa de Bengoechea de 12:00 a 14:00 horas; e nas Escaleiras de Martínez ás 12:30 horas o Grupo Fua ofrecerá un concerto de cámara.
O Ribadeo Ilustrado está organizado pola Concellaría de Turismo.