Lugo, 6 de xuño de 2022. Ante as manifestacións realizadas polo Grupo Provincial do Partido Popular sobre o persoal do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Trabada, a Deputación emite o seguinte comunicado:
– Se o Partido Popular fixera ben o seu traballo na oposición e non quixera manipular, sabería que a entidade adxudicataria das prestacións básicas do Centro de Atención a Maiores de Trabada, ao igual que calquera empresa que preste servizos para unha Administración, é responsable e autónoma para decidir sobre os seus recursos humanos e ten dereito a súa auto organización, dentro da legalidade vixente. No contrato administrativo que ten a Deputación non se establece, baixo ningún concepto, que a adxudicataria teña a obriga de contratar ou de manter no cadro de persoal a aquelas persoas que a institución provincial considere, entre outras cuestións porque non é legal. Polo tanto, é a empresa a que destina os recursos materiais e humanos que mellor se adapten ao obxecto do contrato, segundo a actual normativa. Queremos crer que o Partido Popular actúa da mesma maneira naquelas institucións onde goberna.
– Dentro do marco do actual contrato e dentro das súas competencias, a Deputación solicitou en varias ocasións á adxudicataria das prestacións básicas documentación relativa ao cumprimento do convenio colectivo de aplicación e outras cuestións laborais como altas na Seguridade Social, e non advertiu ningunha irregularidade. Sorprende a facilidade que ten o Partido Popular para acceder a certa documentación, cando a propia Deputación de Lugo non pode ter acceso en cumprimento da Lei 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía de Dereitos Dixitais.
– A Deputación de Lugo tamén solicitou copia das suxestións, peticións e queixas realizadas polo persoal da empresa en relación co cumprimento da normativa legal en materia laboral. A entidade prestadora dos servizos básicos respondeu a esta petición que non consta formulada ningunha e que, exclusivamente, ten coñecemento do comunicado do SAE que publicaron algúns medios de comunicación, un escrito, que, en todo caso, non lles foi remitido.
– En canto á petición que fai o PP de que se reincorpore canto antes a esta traballadora ao seu posto, debemos subliñar que a Deputación de Lugo non ten esa potestade nin competencia, que corresponde claramente a outros estamentos. Unha vez máis, o PP, no seu empeño por manipular, apunta mal.
– En relación a que se atenda ás reclamacións das persoas empregadas na residencia de Trabada que demandan mellores condicións laborais e que se cumpra o establecido no seu momento, reiteramos que á entidade prestadora dos servizos básicos non lle consta ningunha reclamación formal nin incumprimento do actual convenio colectivo que ten aprobado a propia Xunta de Galicia.
– En todo caso, en aras da transparencia, a Deputación de Lugo remite á empresa para que aclare calquera cuestión ao respecto.