O Presidente asinou co máximo representante da entidade un convenio de colaboración para axudar a financiar unha campaña de divulgación da pesca na Mariña e o propio funcionamento da organización
Lugo, 6 de xuño de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega á entidade 24.000€ para colaborar co seu funcionamento e coa divulgación da pesca.
A través acordo, que foi asinado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, a Deputación contribúe ao desenvolvemento dunha importante función divulgativa das tradicións mariñeiras, principalmente no interior da Mariña, así como ao funcionamento da propia organización.
En concreto, difunden carteis, pezas audiovisuais e folletos para aproximar á sociedade aos tipos de buques que operan na Mariña, como os de pesca artesanal, litoral, altura ou gran altura, e as partes principais e os nomes mariñeiros tradicionais das embarcacións.
O Presidente destacou que esta achega “demostra, unha vez máis, que a Deputación de Lugo ten un forte compromiso co sector do mar”, que “é fundamental para A Mariña, por tradición, por cultura e por volume económico e impacto no emprego”.
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo engloba ás confrarías de Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo, as seis que actualmente se atopan na provincia.