Barreiros, 6 de xuño de 2022. A presentación de “A Barcelonesa” que tivo lugar onte na biblioteca municipal de Barreiros, con presenza do autor Xabier Paz, foi un éxito de asistencia e participación.
Segundo a valoración realizada polo concelleiro de dinamización, Dani García, “a acollida entre a veciñanza deste acto foi moi positiva e participativa, producíndose momentos de marcada emoción; ao tratarse dun libro moi vinculado a Barreiros e á súa historia. Mesmo asistiron persoas que aparecen na novela”, afirmou .
O autor estivo acompañado na súa presentación pola alcaldesa barreirense e polo xornalista Martín Fernández Vizoso, estudoso da emigración galega a América que marca o fío da propia novela.
Un relato familiar que reflicte a historia do País
Tal e como se explicou na presentación, A Barcelonesa non e só a historia familiar do escritor contada de xeito novelado; senón que recolle unha importante reflexión sobre a historia local e galega da man de acontecementos como a emigración e o retorno, os anos da guerra e a supervivencia.
O Concello de Barreiros agradeceu en especial a presenza do autor e da súa familia, que onte asistiron a un emocionante acto cheo de historia, recordos e anécdotas que se foron debullando durante máis dunha hora nunha ateigada biblioteca municipal.