A iniciativa, dirixida ás crianzas de entre 3 e 12 anos, cubrirá todas as vacacións escolares, desde o 27 de xuño ata o 7 de setembro “co obxectivo de facilitar o máximo posible a conciliación das familias”
Cervo, 3 de xuño de 2022.- O Concello de Cervo programa unha nova edición de “Cervo Concilia”, unha iniciativa municipal máis que consolidada que pretende ser “esa ferramenta de axuda á conciliación das familias, en épocas nas que pode resultar complicado como é o verán”.
O programa está dirixido ás crianzas do municipio de entre 3 e 12 anos e desenvolverase desde o 27 de xuño ata o 7 de setembro “traballamos para buscar a fórmula que nos permitise cubrir o total das vacacións escolares, para beneficiar ao máximo ás familias e axudarlles na difícil tarefa de conciliar”, tal e como precisou o rexedor, Alfonso Villares.
Pola súa banda a edil de Educación, Dolores García Caramés, que coordina o programa, apuntou que xa está aberto o prazo de inscrición “que se poderá formalizar ata o 25 de xuño na Casa do Concello o una Casa da Cultura”.
Caramés avanzou algunhas das actividades que englobara “Cervo Concilia”, que volverá contar cun completo abano de propostas lúdico, culturais e educativas “pensadas para entreter ás crianzas, sen deixar de lado a aprendizaxe”. Así, haberá talleres de teatro, rutas de sendeirismo, actividades acuáticas, diferentes obradoiros, moito deporte; unha ampla variedade de actividades multidisciplinares “para gozar e aprender en grupo nesta época de lecer”.