A inscrición é de balde, o prazo remata o 18 de xuño e as prazas son limitadas
Cervo, 2 de xuño de 2022.- O Concello de Cervo, a través das delegacións de Xuventude e de Educación, que dirixen Denise Galán e Dolores García Caramés, respectivamente, vén de abrir a convocatoria para un curso de monitor de tempo libre que se enmarca no programa Avívate en Cervo V, dirixido a rapaces e rapazas de entre 18 e 35 anos.
Tal e como apuntaron as concelleiras, o curso, que é de balde, tivo unha gran acollida en anteriores edicións polo que apostamos por seguir ofrecéndolle á nosa mocidade esta ferramenta formativa “que contribúe a dotalos da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro, co obxectivo de contribuír a mellorar a súa empregabilidade nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir as inscricións e entregalas antes do 18 de xuño na Casa da Cultura ou no Concello.
O curso comezará o 1 de xullo e prolongarase ata o 19 de agosto; será en horario de 9:00 a 15:00 horas. As prazas son limitadas.