Mondoñedo, 31 de maio, 2022 .Contra as once da pasada noite, recibiuse na sala do 112 Galicia a chamada dun veciño que quedou atrapado nun arame de pinchos cando atravesaba unha zona de prados situada no lugar de Rego dos Cas, en Mondoñedo. Segundo asegurou, atopábase ben malia un golpe que recibira nas cervicais que lle provocaba algún mareo.
Para poder liberalo, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos voluntarios de Protección Civil da localidade, así como dos axentes da Garda Civil e dos Bombeiros de Barreiros.
Finalmente, bastou a agrupación de voluntarios para rescatar ao afectado, que foi trasladado polo mesmo equipo ao Centro de Saúde para unha revisión.
Cómpre sinalar que a complexidade do seu rescate residía na dificultade de acceder e trasladar ao ferido por unha zona de campo cun rego intermedio sen posibilidade de bordearse.