Abadín, 30 de maio de 2022. O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz denunciou unha vez máis o estado no que se atopa o patio do C.E.I.P. Aquilino Iglesia Albariño de Abadín. “E facémolo tras escoitar novamente as queixas das nais e pais dos alumnos deste centro educativo, que teñen que sufrir a incompetencia política do seu Alcalde e de todo o seu Goberno que seguen sen mover un só dedo para arranxar esta situación”, denunciou.
Os socialistas lembran que o pasado mes de setembro, “xa denunciamos publicamente o lamentable estado de abandono no que se atopaban estas instalacións públicas, coincidindo co inicio do curso escolar. E case 10 meses despois comprobamos que todo segue igual. Que o Concello de Abadín segue sen realizar labores de mantemento e limpeza neste espazo”, critican.
O voceiro sinala que “agora mesmo neste patio hai cepas por riba do chan co perigo que iso supón para as nenas e nenos e ademais enchese de lama cando chove, unha situación vergoñenta que teñen que padecer os máis cativos”.
Pablo Díaz avanza tamén que rexistrou un escrito no Concello reclamando explicacións sobre as obras que anunciou a Xunta no Colexio. “Segundo puidemos saber, a través dos medios de comunicación, realizaranse reformas que contan cun orzamento que de preto de 260.000 euros), pero en ningún sitio consta que se van a realizar obras no patio do Colexio”, advertiu .
O Voceiro Socialista empraza ao Alcalde de Abadín e a todo o seu Goberno “que cobran tódolos meses das arcas municipais, a priorizar as obras no noso Concello e teñan en conta a seguridade dos nosos nenos e nenas. É urxente que arranxen o patio do colexio e que realicen labores de mantemento e adecentamento deste espazo. Déixense de pasear no coche oficial e traballen”.