A gandeira e voceira do PP de Muras, Eugenia Requeijo, manifesta tras asistir este martes ao debate no Congreso dos Deputados o seu pesar polo posicionamento de determinados grupos políticos
Lugo, 25 de maio de 2022. O Partido Popular da provincia de Lugo afea que “os deputados lucenses do PSOE actúen en contra dos intereses dos gandeiros da nosa provincia” ao “votar en contra dunha proposición de lei presentada polo Grupo Popular no Congreso que permitise a xestión do lobo como ata o de agora e non incluílo como especie protexida de forma que se prohiba a súa caza, tal e como aprobou o Goberno central o ano pasado por imposición e sen diálogo cos gandeiros”. É máis, tampouco tivo en conta o posicionamento das comunidades autónomas do noroeste, e de distintas cores políticas, que trasladaron en numerosas ocasións e a través de distintas vías o seu rexeitamento a esta decisión que non se ampara en criterios técnicos nin obxectivos que teñen en conta, entre outros aspectos, censos actualizados da poboación do lobo ao norte do río Douro.
A gandeira e voceira do PP de Muras, Eugenia Requeijo, manifesta tras asistir este martes ao debate no Congreso dos Deputados o seu pesar polo posicionamento de determinados grupos políticos. Así mesmo, puido constatar o descoñecemento da realidade que viven os gandeiros e veciños de zonas do interior da provincia de Lugo en relación ao lobo tralas declaracións dun “ecoloxista radical e urbanita”. Nese sentido, aclara que “na nosa zona -a serra do Xistral e A Mariña occidental- está a aumentar a poboación de lobos que non deixan viva practicamente ningunha cría do gando cabalar e que tamén atacan ás crías das vacas, o que supón perdas para as nosas explotacións gandeiras. Tamén se achegan incluso ás vivendas e atacan aos animais de compañía. Isto non se poden permitir” , incide.
A popular defende que “os gandeiros coidamos e protexemos o territorio que se mantén limpo grazas á nosa actividade e aos nosos animais”. Así entende que “deberían protexernos máis a nós e ao noso traballo que a un animal salvaxe”.
Eugenia Requeijo rexistrara máis de 1.700 sinaturas solicitando a exclusión do lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial antes de ser aprobada a súa inclusión en setembro do ano pasado.
Os representantes do PP no Congreso e no Senado rexeitaron a inclusión do lobo no LESRPE nas respectivas cámaras. Posteriormente, os populares presentaran dentro das súas emendas aos PGE para o 2022, no mes de novembro do ano pasado, varias iniciativas relacionadas co reto demográfico que foron rexeitadas polos partidos do Goberno. Entre elas, excluír ao lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime Protección Especial (LESPRE) e un fondo de 100 millóns de euros para paliar os danos.