Emilio González Legaspi
Parece ser que hai crise económica, parece ser que o ladrillo esfarelou, parece ser que xa non se venden pisos, parece ser que xa non poden subir os prezos das vivendas en progresión xeométrica, parece ser que os bancos xa non prestan desinteresadamente, parece ser que bancos e construtores xa non gañan cartos a moreas… e por iso hai crise. Hai crise porque o que non chora non mama e como sempre maman os mesmos, fanse os miñaxoias para provocar a compaixón de todos e non lles privemos de seguir enchendo as alforxas de beneficios. Cando as vacas eran gordas, quedaron con todo o millo. Non repartiron as ganancias, senón que aproveitaron para incrementalas exponencialmente. A burbulla inmobiliaria non xurdiu de súpeto. Foi inflada interesadamente por construtores, bancos, goberno e a cobiza de todos, como sucede nas festas de aldea diante o posto dos trileiros. Fixéronse máis pisos que demanda real existe, pero necesitábanse para a especulación. Subiron os prezos continuamente e en porcentaxes progresivos de mes en mes ate acadar valores inalcanzables para uns salarios conxelados. Na ambición non se acordaron da máxima do mercado que di: “se quen compra perde capacidade adquisitiva non se poderá vender o que se produce, as transaccións diminuirán e o sistema de mercado necesitará axustes”. Isto máis ou menos, que eu non son economista, pero é lóxica que calquera familia responsable entende e sofre diariamente. Os bancos promoveron o mercado con créditos baratos e sen ningún tipo de aval fiable, agora teñen medo á morosidade. Os cartos negros axudaron no incremento dos prezos e da especulación sen ningún tipo de control institucional… E todos pensamos que isto era eterno. Agora o espertar dun soño tan bonito e ver a realidade núa, provoca angustia, iso si, a uns máis que a outros.
Agora os responsables da situación están chorando todos os días para que o goberno acuda na súa axuda cos cartos de todos, pero as ganancias dos tempos bos están gardadas para darnos con elas nos fociños e riren de nós a gargalladas. E se algunha divinidade non o remedia aqueles que se empufaron para comprar un piso, aqueles que lles custa chegar a fin de mes, aqueles que son escravos dos bancos baixo o látego de xuros, comisións e ameaza de embargo, aqueles inocentes que apostaron na timba de poker profesional serán, coma sempre, os paganos… que a corda rompe sempre polo máis frouxo.