O proxecto para a instalación deportiva ascende a 120.000 euros, con aportacións iguais do Concello, Xunta e Deputación
Viveiro, 21 de maio de 2022. Dado o déficit de xestión que ten acreditado o goberno municipal de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, non queda outra que acollerse ao consolo do vello dito que asegura que “máis vale tarde que nunca”. Isto é acaído no caso da esperada mellora do campo de fútbol de Celeiro coa construción de vestiarios. Como destaca o portavoz do PP, Óscar Rodríguez, foron necesario tres anos para que o Concello, pilotado por Loureiro, elaborase o necesario proxecto técnico. Unha vez terminado, é posible poñer en práctica o acordo a tres bandas (Concello, Deputación e Xunta) para acometer as obras indicadas. A aportación de cada parte ascende a 40.000 euros.
Rodríguez explica: “A obra de mellora do campo de fútbol de Celeiro é importante, porque carece, entre outras cousas, de algo tan necesario como son vestiarios e duchas para os equipos e para os árbitros. Podía estar feito dende hai moito tempo, pero non foi posible porque o Concello, gobernado polos socialistas, foi incapaz ata agora, e xa pasaron tres anos, de ter acabado o correspondente e necesario proxecto técnico. Unha vez máis queda de manifesto a falta de xestión do goberno presidido por María Loureiro”.
O portavoz popular no Concello explica: “A Xunta cumpre o compromiso que tiña adquirido e que non puido materializar ata agora porque o Concello non tiña proxecto. Agora o secretario xeral de Deportes, José Ramón Lete, acaba de confirmar a aportación de 40.000 euros para as obras no campo de fútbol de Celeiro. Dende o PP de Viveiro agradecemos á Xunta a paciencia que demostrou co Concello de Viveiro, porque é inexplicable que precisara tres anos para dispoñer dun proxecto tan pouco complicado como é este”.
Rodríguez tamén di: “Unha vez máis está clara a falta de capacidade de xestión do goberno presidido por Loureiro. E tamén a disposición da Xunta para colaborar en canto pode co municipio de Viveiro, para favorecer aos veciños”.