A Mariña, sábado 21 maio 2022. A Atención Primaria do noso país leva anos sufrindo uns niveis de presión e precariedade imposibles de asumir por parte da sociedade galega e por suposto dos e das traballadoras da nosa sanidade pública.
Esta situación viviuse e vívese con intensidade na comarca da Mariña, que volve ter no concello de Ourol un novo caso de precarización e empeoramento da atención sanitaria. Neste concello de apenas mil habitantes no que a media de idade é moi elevada estase a vivir unha situación na que soamente conta cun facultativo dous días á semana.
Para Daniel Castro, este feito que mostra a grave situación da sanidade pública galega “débese a que a Xunta de Galiza non cubre de xeito continuo a baixa do único facultativo co que contaba o Centro de Saúde. Esta decisión que leva afectando á poboación de Ourol desde hai máis de un mes provocou un grande enfado, reflexado en perto de 500 queixas recollidas nun só día”. E afirma tamén que “volvemos ver como o goberno da Xunta volve afastar os servizos sanitarios públicos dos galegos e galegas que viven no rural e que aínda por riba teñen elevadas idades, unha mestura que lles dificulta aínda máis poder desprazarse a outras lugares da comarca para recibir atención sanitaria”.
Por todo isto, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego propón que por parte do Partido Popular respondan a estas cuestións que se van formular na cámara e que preocupan sobremaneira a toda a veciñanza de Ourol:
– Cal é a razón pola cal a Xunta de Galiza non cubre de xeito continuo a praza do facultativo do Centro de Saúde de Ourol?
– Está disposta a Xunta de Galiza a cubrir a praza do facultativo do Centro de Saúde de Ourol de xeito continuo?
– Canto tempo considera a Xunta de Galiza que tardará en cubrir este servizo na Atención Primaria de Ourol?