Lugo, 20 de maio de 2022. Esta tarde inaugurouse no Museo de Lugo a exposición restrospectiva “Quique Guerra”, unha escolma da obra escultórica e pictórica do artista mariñao que poderá verse no Museo de Lugo ata o 29 de xuño.
Trátase de 25 pezas seleccionadas por Tá en Artes e pola directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro para esta mostra homenaxe, programada no marco das actividades organizadas polo colectivo mariñao arredor da Semana das Artes Plásticas da Mariña, que este ano dedicaron ao escultor e pintor, falecido en 2016.
A familia do artista e membros de Tá en Artes participaron na inauguración da mostra, que repasa a traxectoria artística de Quique Guerra. Así, inclúe trece esculturas que amosan a súa preferencia polo traballo con materiais naturais, como madeira, pedras ou óso de balea, e doce óleos que reflicten a influencia na súa obra de referentes clásicos coma Seoane ou Laxeiro.
A inauguración da mostra no Museo Provincial de Lugo culmina un programa de actividades impulsado por Tá en Artes, que comezou o pasado mes de abril e que incluíu unha exposición no Complexo Sargadelos de Cervo e unha mostra colectiva no Cenima de Foz, na que se amosou a obra de Quique Guerra en diálogo co doutros artistas da Mariña.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiou visitas de colexios e institutos da Mariña a esta última mostra, colaborando así na promoción e coñecemento da obra de Quique Guerra no ámbito educativo.