Ribadeo, 12 de maio, 2022. Que fácil é andar con andrómenas para desviar a atención e ocultar as malas artes! O señor Daniel Vega, voceiro do grupo municipal popular e deputado no Parlamento Galego, tennos acostumado, día si e día tamén, a facer alarde de grandes cifras e grande capacidade de influencia (non sabemos se procurando semellarse cada vez máis aos deputados afíns ao señor Cánovas del Castillo aló polo século XIX).
Pero, de tanto insistir e mostrar tan poucos escrúpulos á hora de falar, falar e falar, acabou caendo na súa propia trampa.
Se é o Concello de Ribadeo o que toma a iniciativa e fai cousas, pouco menos semella que lle ten que pedir desculpas por, simplemente, o equipo de goberno informar do seu labor. Mesmo se ten afirmado que non hai capacidade de xestión porque no seu orzamento (do concello) non hai apenas cartos propios, senón que case todo é froito das transferencias que recibe doutras administracións. O señor Daniel Vega, o Partido Popular de Ribadeo, necesitan negar o labor do equipo de goberno sustentado polo BNG de Ribadeo; debe ser que lles preocupa bastante que se vexa que se seguen a facer cousas polo ben das xentes de Ribadeo, e que ten capacidade de interlocución con outras administracións para lograr traer, entre todos e todas, cousas para o noso concello.
Iso si: cando se fala de investimentos da Xunta de Galicia en Ribadeo, todo é marabilloso. Miles de felicitacións son enviadas desde o PP de Ribadeo a San Caetano falando de millóns e millóns. Mesmo se ten cometido a desvergoña de computar como investimento o que non era máis que gasto corrente (salarios de funcionarios/as, por exemplo, con destino en Ribadeo). Algunhas cifras das que chegaron a gabarse só se poderían entender desa maneira.
E nestas andabamos cando nos decatamos de que unha das inversións que tanto publicitaron non é unha achega exclusivamente súa. Quedou constatado publicamente a través dunha comunicación sobre o cambio de financiamento do expediente ED 05/21-O, que fai referencia ás reformas que se están a levar a cabo no CEIP Gregorio Sanz.
Nese documento indícase, no seu primeiro parágrafo, que “con data 21 de abril de 2021 publicouse na plataforma de contratación o expediente ED-05/21-O co seguinte obxecto: Obras de rehabilitación integral no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo (Lugo) susceptible de cofinanciación polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%”. E cuantifícase o importe de licitación en “1.005.008,44€ (valor estimado 830.585,49€)”.
E no segundo parágrafo fáisenos saber que “con data 10 de xaneiro de 2022 asinouse un convenio entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana e a Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución do Programa de impulso á Rehabilitación de edificios públicos (CO2.I05, PIREP), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado pola Comisión Europea, que se financia con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia”.
E tamén se confirma que dita obra non se financiará con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, senón que será financiada “con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia. Quen isto asina é D. Manuel Vila López, secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade. E cando se lle solicita ao Concello de Ribadeo consentimento para a realización de actuacións no CEIP Gregorio Sanz, tamén se fai referencia ao convenio asinado “entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, e a Comunidade Autónoma de Galicia para a realización do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos”, entre os cales se inclúe o CEIP Gregorio Sanz (documento tamén asinado por D. Manuel Vila López e con data de entrada do 10 de febreiro de 2022).
Podemos constatar, por tanto, que desde o 21 de abril de 2021 sabíase que as obras de rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz ían ter financiación do FEDER. E desde xaneiro de 2022 a Xunta de Galicia sabe que esa obra de reforma do CEIP Gregorio Sanz é cofinanciada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Viron vostedes algunha nota indicando este cambio? Notaron nos carteis que anuncian a obra a achega deses fondos por parte deses organismos? Non. Máis ben asistimos, durante estes días, a unha reacción furibunda por parte do PP de Ribadeo, e mesmo unha intervención ben pouco técnica (máis ben moi política, de parte), do secretario xeral técnico da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade.
Non señoras e señores: non todo pode valer. As loitas internas en tempos de sucesión e reasignación de áreas de influencia no seo do PP poida que estean facendo poñer moi nerviosos a algúns dirixentes populares que tanta herba segaron en pes alleos e agora igual comezan a sentir a gadaña sucesoria baixo dos seus propios. Deixémolos coas súas andrómenas.
Desde o BNG de Ribadeo seguiremos a apoiar o labor de goberno do noso grupo municipal, con Fernando Suárez á cabeza. O traballo de todos os días seguirá a dar resultados. E recoñeceremos a cada quen a súa achega para que os proxectos poidan saír adiante. Mesmo que dea para “pipas”… ou nin sequera iso.