A Mariña, mércores 11 maio 2022. Galiza Nova – A Mariña organiza este venres 13 de maio Ás 17:30 no Hotel Nordés en Burela un acto sobre saúde mental, baixo o nome de “O custo de sobrevivir – A quebra da saúde mental”. “Para as mozas e mozos mariñaos a situación é preocupante sobre todo tras a pandemia, cando o diagnóstico de enfermedades mentais na xente moza aumentou, polo que é necesario tamén que o cadro de psiquiatras de Saúde Mental na Mariña estea ao cen por cen”. Así o explicou hoxe na presentación do acto Pilar Vázquez, a responsable comarcal da organización xuvenil do BNG, quen afirmou tamén que “A Covid-19 colocou en primeiro plano a nosa saúde e reforzou as dinámicas alienantes e illadoras dun fallido Estado de Benestar relacionadas coas formas modernas de sufrimento psíquico na mocidade”
A pandemia provocou distanciamento social, levando ao illamento e á soidade, e tamén a criminalización da mocidade
Para Galiza Nova, ademais de ter que asumir responsabilidades por enriba das nosas posibilidades, vendo como a pandemia aumentaba as desigualdades que xa existían, as limitacións sanitarias e as medidas de distanciamento social mudaron a nosa forma de relacionarnos, levando ao illamento en moitos casos e en consecuencia á soidade. Afirman tamén desde a orgnización xuvenil que “a mocidade sufrimos ademais unha brutal campaña de criminalización por parte dos grandes medios de comunicación e dos gobernos tanto do Estado como da Xunta, facendo que recaera sobre nós a culpa dos surtos e as vagas da covid-19”.
Para tratar todos estes temas, aos que Galiza Nova convida á sociedade mariñá en xeral e especialmente á xente moza, á comunidade educativa e aos colectivos do ámbito socio-sanitario, ademais de Pilar Vázquez, o venres 13 no Hotel Nordés en Burela estarán tamén: Diego González Peña, psiquiatra, Conchi Abad, psicóloga da UAD de Burela, Montserrat Porteiro, coordinadora da Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña e Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova.