Usuarios e usuarias da Fundación Eu Son, da Asociación de Saúde Mental da Mariña e da Asociación AFAM realizaron dous obradoiros da man das mulleres redeiras de Cabo Burela
Burela, 11 de maio de 2022. O Concello de Burela continúa a través da Concellería do Mar e Servizos Sociais con distintas accións arredor do proxecto Burela-IN, que permite reutilizar os residuos do mar e das actividades pesqueiras, así como promover iniciativas de concienciación sobre o coidado e o respecto ao medio ambiente coa colaboración e participación de entidades de inclusión social e do sector pesqueiro e coa financiación do GALP Mariña-Ortegal.
Nesta última semana, usuarios e usuarias da Fundación Eu Son, Asociación de Saúde Mental da Mariña e Asociación AFAM veñen de realizar dous obradoiros coas redeiras de Cabo Burela para elaborar un bastidor que formará parte da mostra itinerante que está a preparar a Asociación A Mariña Sen Plástico para concienciar sobre a problemática dos plásticos no mar.
A concelleira de Mar e Servizos Sociais, Carmela López, destacou a importancia de que “cinco entidades se involucren nunha actividade que facilita a integración social, a adquisición de habilidades e coñecementos sobre os materiais que empregan as nosas redeiras, e tamén a participación nunha campaña de concienciación e sensibilización sobre todos os problemas que acarrean os plásticos no mar”. Nesta liña quixo agradecer a colaboración de todas as partes implicadas para sacar adiante este proxecto, “entidades de inclusión social, sector pesqueiro e administración local imos a unha para promover o coidado do medio, a participación e integración de todas as persoas e a posta en valor do sector marítimo”.
Os obradoiros conxugaron o atado das pezas de redes, mediante distintas técnicas que foron practicando, coa fabricación dun pequeno bastidor que será a base para facer o mural da exposición itinerante. Con este tempo de aprendizaxe, as persoas usuarias conseguiron “coller a agulla, enfiar e coser as redes con moita habilidade e destreza”. Sobre a base deste bastidor poderanse colgar tanto carteis explicativos sobre a problemática das redes fantasma como distintos exemplos de lixo mariño.