Cervo, 9 de maio, 2022. O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, quixo darlle os parabéns ao C.D. San Ciprián e a toda a afección por lograr este domingo a súa volta á Primeira Autonómica, logo de vencer na casa ao Muimenta por 3-0.
Unha felicitación que tamén quere compartir coa S.D. Candelaria “que firmou tamén unha temporada magnífica manténdonse con opcións ata o último día” e que tamén fixo este domingo os deberes, impoñéndose na Granda ao Meira.
Tal e como declarou o alcalde “é todo un orgullo para Cervo contar con dous clubs como o San Ciprián e o Candelaria que nos fixeron desfrutar dun domingo de vértigo, grazas tamén ao respaldo das dúas afeccións que os levaron en volandas cara ao triunfo e ao traballo de todo o equipo que está detrás que fan un labor impagable”.