Trabada, 9 de maio de 2022. O portavoz do Partido Popular de Trabada, José María Fernández, lamenta que a actitude “totalmente sectaria” da alcaldesa prexudica aos veciños: “ademais de non promocionar os servizos que a Xunta presta dentro do programa ‘Coidados porta a porta’ para que os veciños os coñeceran e se puideran beneficiar de consultas de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria gratuítas; puxo todas as trabas posibles. Isto responde ao comportamento habitual da alcaldesa socialista de “criticar á Xunta por todo”.
O voceiro explica que “a alcaldesa e o equipo de goberno, como responsables da xestión do Concello, deben poñer todo da súa parte para facer chegar aos veciños iniciativas e servizos que lles poidan resultar de interese. Dende logo, así o entendemos dende o Partido Popular de Trabada. E máis neste caso no que a unidade móbil de ‘Coidados porta a porta’ ofrece servizos gratuítos aos veciños. O que debera facer o goberno local é ofrecerlles a aqueles veciños que puideran estar interesados a posibilidades de concertarlles unha cita”.
Fernández aclara que “este luns o servizo está a funcionar moi ben, con moita asistencia de veciños que demandan, especialmente, os servizos de podoloxía e que se amosan moi contentos coa atención que reciben por parte dos profesionais que traballan na unidade móbil. É unha pena que a alcaldesa non contribuíra previamente a dar máis publicidade a este servizo que os veciños están a valorar moi ben”.
Cambio de ubicación do autobús
O portavoz popular condena que “Trabada foi o único concello da Mariña onde a unidade móbil atopou tantos problemas”. De feito, “a alcaldesa fixo mover o venres a unidade móbil da súa ubicación previamente acordada na Praza do Concello e onde estaba instalada dende o mércores a pesar de que volvería prestar servizo esta semana. Os técnicos tiveron que desmontar a unidade móbil para volver a montar hoxe noutro sitio distinto, o que supón un traballo adicional de 17 horas que era totalmente innecesario”.
Fernández considera “comprensibles” as queixas dos veciños sobre a nova ubicación porque agora non se atopa nun lugar tan visible coma a Praza do Concello. De feito, explica que “o autobús estaba situado nun lateral da praza ocupando pouco espazo e non estorbaba a circulación dos coches”.
Para o popular queda aínda máis claro o “sectarismo político da alcaldesa” tendo en conta que “todos podemos comprobar que o Concello aínda non xestionou a retirada da carpa” da Festa da Enfariñada e da Xuventude celebrada o pasado día 1 e que estorba máis que a unidade móbil dos ‘Coidados porta a porta’.
Fondos europeos xestionados pola Xunta
O portavoz aclara tamén que “o programa ‘Coidados porta a porta’ é ideado, xestionado e desenvolvido pola Xunta de Galicia. O Estado é un mero intermediario dos cartos que chegan da UE a través dos fondos europeos”.