Compostela, 5 de maio, 2022. A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, investirá 3,8 millóns de euros no proxecto de modernización dos sistemas de alumeado de 26 portos de titularidade autonómica, co obxectivo de instalar sistemas de alumeado LED para crear espazos máis eficientes no consumo enerxético e aumentar a súa competitividade. As melloras introducidas permitirán acadar un aforro enerxético de ata o 60%.
Esta actuación, que se levará a cabo no período 2022 e 2023, é froito dun convenio de colaboración asinado recentemente entre a Consellería do Mar e Portos de Galicia e que foi analizado hoxe no Consello da Xunta. Así, tal e como se recolle no acordo, a Consellería destinará preto de 3,5 millóns de euros ás actuacións de mellora da iluminación nos portos pesqueiros -co cofinanciamento do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro- mentres que o ente público financiará con arredor de 400.000 euros os traballos que se realicen nos portos comerciais e mixtos.
Deste xeito, o Executivo galego executará a renovación do alumeado que posúen na actualidade cinco portos da zona norte (costa cantábrica) -Ribadeo, Burela, Viveiro-Celeiro, Cariño e Cedeira-; 12 portos da zona centro (Coruña Atlántica) -Sada-Fontán, Malpica, Laxe, Fisterra, Cee, Muros, Portosín, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo-; e nove da zona sur (Pontevedra) -Vilanova de Arousa, O Xufre, Tragove, O Grove, Portonovo, Combarro, Bueu, Cangas e Moaña-. Unhas actuacións que suporán a renovación do 67% do alumeado actual do sistema portuario galego.
O obxectivo principal destes traballos de modernización, cuxa licitación está prevista para este ano, permitirá reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios pola utilización dunha mellor tecnoloxía e mellorar a súa xestión a través dun sistema de control remoto das luminarias, proxectores e centros de mando. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Accións a desenvolver
Os traballos de mellora do alumeado nos espazos portuarios consistirán na instalacións de 2.500 luminarias e proxectores LED para a iluminación exterior das instalacións dos peiraos así como do equipamento informático necesario para a configuración do sistema de telexestión. Así mesmo, revisaranse as 625 luminarias LED xa existentes e os centros de mando ademais de levar a cabo un control de calidade do conxunto das instalacións.
Estas actuacións contribuirán a homoxeneizar a iluminación nestes portos e mellorar o confort visual dos traballadores e usuarios así como a reducir os custos de funcionamento das instalacións de iluminación e a acadar un uso sustentable dos recursos.