Lugo, 4 de maio de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, a través do que a institución provincial achega 30.000€ ao colectivo para o mantemento da oficina técnica de información e asesoramento ao comercio de Lugo, un servizo que conta con 8 traballadores.
Tomé Roca salientou a importancia de colaborar con entidades como a Federación de Comercio, dinamizando o tecido produtivo e apoiando as iniciativas de sectores que xeran riqueza e postos de traballo. “Este convenio enmárcase nese espazo de colaboración entre o público e o privado que quere aproveitar esta Deputación para favorecer o progreso social e económico da nosa provincia. A aportación que facemos verá multiplicado o seu efecto a través das súas iniciativas”, subliñou o Presidente.
Lembrou o mandatario provincial os difíciles momentos que atravesa o sector a raíz da pandemia da Covid-19 e a guerra de Ucraína que trouxo sobrecustos ao seu día a día, ademais de incertezas e preocupación na sociedade. Pon o foco na importancia de estar ao carón do comercio local porque “desenvolve un traballo fundamental no sostemento económico da nosa provincia polo que é necesario que as administracións públicas e as asociacións profesionais traballemos xuntos para favorecer a actividade comercial”.
“É moi importante que estas oficinas estean en Lugo porque supón unha vantaxe importante para os comerciantes da nosa provincia que se poden achegar en persoa dende os seus negocios a resolver calquera dúbida ou realizar calquera xestión cos técnicos, ao igual que tamén os técnicos acoden aos comercios para informarlles en persoa de campañas ou proxectos que están desenvolvendo, por exemplo”, resalta o Presidente da Deputación.
Pola súa banda, o Presidente da Federación de Comercio amosouse moi agradecido por renovar este convenio que serve para “garantir o soporte e a cobertura á estrutura da Federación Galega de Comercio, reforzando as actuacións realizadas na provincia de Lugo, que son moi necesarias para a recuperación do sector comercial lucense que aínda arrastra as consecuencias da pandemia da Covid-19, que agora se ven agravadas polo incremento dos custos da luz, carburantes e materias primas”.
Manifestou, ademais, que o asesoramento que prestan dende a Federación “contribúe a mellorar e potenciar a competitividade do comercio de proximidade”. “A Deputación é consciente do papel fundamental que teñen os pequenos negocios na economía local e provincial e na xeración de emprego, un emprego estable que é fundamental nos tempos que corren”. Así mesmo, incidiu en que esta axuda servirá para traballar nos retos que teñen por diante, “que pasan por sensibilizar aos consumidores da importancia de mercar nos establecementos de proximidade, recuperar e incentivar os hábitos de compra tradicionais e o consumo, ademais de impulsar a dixitalización do sector”.
Asesoramento técnico aos negocios
A oficina técnica da Federación Galega de Comercio ten a súa sede en Lugo, na Ronda da Muralla, e conta no seu cadro de persoal con sete técnicos e un administrativo que realizan tarefas técnicas, de xestión e administrativas relacionadas cos servizos que presta o colectivo. Asesora a máis de 5.500 establecementos da provincia.
Entre as funcións que desenvolven nesta sede destacan o asesoramento legal en canto á normativa vixente aplicable ao sector, asesoramento na xestión e tramitación das reclamacións, información e tramitación de subvencións públicas, preparación de escritos, apoio ás persoas emprendedoras e o fomento do asociacionismo.
As asociacións de comerciantes da provincia tamén dispoñen deste lugar para realizar as súas xuntas, asembleas ou reunións, dispoñendo de maneira directa de asesoramento para o impulso de novas campañas ou actuacións concretas que queiran desenvolver. Algúns destes colectivos contan coa súa sede nesta oficina, e é o propio cadro de persoal da Federación quen lles xestiona os trámites e xestións. O local conta, ademais, con aulas habilitadas para impartir formación ou desenvolver actos informativos e publicitarios.