Lugo, 2 de maio de 2022. A mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, continúa a súa itinerancia polas comarcas en Viveiro, onde poderá verse ata o 16 de maio. O deputado Efrén Castro inaugurou esta mañá a mostra, acompañado pola alcaldesa María Loureiro e polo tenente alcalde Suso Fernández nos Xardíns Poeta Noriega Varela.
A exposición repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galiza a participar con equipos propios en competicións internacionais. Destaca así logros como a participación olímpica do viveirense Adrián Ben en Toquio 2020.
A mostra pode verse por primeira vez na comarca da Mariña, tras pasar nas últimas semans por outras localidades como Sarria, Monforte,Monterroso ou Vilalba.
A exposición: contidos
“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.
A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.
O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.
A mostra inclúe ademais un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galiza nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.
A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.
O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galiza como a billarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas.