Viveiro, 2 de maio, 2022. A zona infantil da área recreativa de Portochao, atópase nun estado lamentable e incluso perigoso para as crianzas que ali xogan e desfrutan. Todos os xogos e instalacións están rotos e xa pasaron por varias reparacións deficientes. Do mesmo xeito, as mesas e cartelería da zona presentan un perigo con pezas rotas ou en moi mal estado, incluso con puntas oxidadas e soltas.
Esta área é utilizada tanto pola veciñanza da contorna como para aqueles que chegan camiñando polo paseo fluvial do Landro, iso si, só no verán, pois o Goberno municipal decidiu darlle un uso estacional a este paseo en contra da proposta do BNG de colocar malla e afirmando que “hai outros lugares por onde pasear”. Ademais existen na contorna varios establecementos turísticos, agardando tamén a que o Goberno decida executar a área de autocaravanas proposta tamén polo BNG e aprobada en Pleno.
Polo exposto, Míriam Bermúdez demanda á equipa de María Loureiro que avalie o estado da área recreativa de Portochao e acometa de forma urxente a renovación de xogos e mobiliario público valorando o uso de materiais que, dadas a características da área, teñan maior durabilidade.