Lugo, 29 de abril de 2022. A deputada Mónica Freire presentou esta mañá o programa “Da escola á granxa”, unha nova iniciativa da área de Medio Rural da Deputación de Lugo que ofrece ao alumnado a posibilidade de participaren en visita a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros.
O Boletín Oficial da Provincia publicou este venres a convocatoria, dirixida ás Anpas, que poderán solicitar visitas a algunha das 25 granxas e entidades participantes, optando a unha ampla oferta educativa que inclúe desde visitas para coñecer de primeira man o manexo de animais e cultivos, obradoiros de elaboración de produtos e outras actividades divulgativas ligados ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.
Na presentación Mónica Freire explicou que o programa incide na promoción e valorización do sector primario como un dos piares da actividade económica, do dinamismo social e do equilibrio territorial da provincia, na mesma dirección doutras iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural como a plataforma de venda en liña Son de Lugo ou a colaboración coas asociacións agrogandeiras.
A deputada nacionalista destacou que “Da escola á granxa contribuirá a reforzar lazos entre proxectos de emprendemento no sector primario que, desde actividades diversas que van desde a gandeiría, a agricultura, a produción alimentaria ou a conservación ambiental, comparten a aposta polo rural, por producións de calidade e por modelos e formas de manexo sostibles e adaptadas ao territorio”, ao tempo que “configuramos unha oferta de recursos e servizos educativos que pode diversificar e completar as rendas das explotacións, como acontece noutros países europeos e se recolle tamén na Política Agraria Común”
Nesa liña Mónica Freire sinalou tamén a necesidade deste tipo de iniciativa “para que os nenos e nenas coñezan e valoren os produtos de proximidade e a importancia do sector primario tanto no abastecemento alimentario coma no mantemento da paixase, do territorio ou da cultura” e “afastar definitivamente ese estigma social arredor do rural, visibilizando referentes para que á hora de enfocar ás súas vidas vexan o rual como un espazo no que desenvolver os seus coñecementos e o seu talento”.
No acto tamén interviron representantes das granxes e entidades que participan no programa: Diego Fernández da gandeiría Casa da Escola de Gundivós, en Sober, dedicada ao gando porcino e ovino, Suso Mazaira da queixería chantadina Airas Moniz, que ven de facerse con tres premios no Salón Gourmet de Madrid, e Iván Rodríguez, director técnico na Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), da que forman parte catro das granxas incluídas no programa, que coincidiron en valorar a inicitiva como unha oportunidade para dar a coñecer ás xeracións máis novas o que se está a facer no rural.
Entidades participantes
“Da Escola á Granxa” ofrece ao alumnado a posibilidade de coñecer de primeira man a produtores e entidades de referencia no seu ámbito, e con experiencia na organización de actividades con escolares, procurando unha distribución por todo o territorio a fin de que a distancia no fora impedimento para que os centros educativos se acollan ao programa.
Na elección dos participantes buscouse configurar una oferta formativa variada, incluíndo granxas e producións de distintos ámbitos do sector agrícola e gandeiro, desde a produción de froitas ou produtos de horta, ata castañas, mel, ovos, leite e carnes de vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar.
A oferta inclúe tamén obradoiros de agricultura ecolóxica a cargo de ADEGA nos propios centros, para as Anpas que prefiran evitar os desprazamentos.
Así, entre os participantes figuran:
Solicitudes
A convocatoria está dirixida a Anpas de centros escolares públicos de educación infantil de primaria de municipios de ata 20.000 habitantes. O importe das axudas oscilará entre os 300 e os 600 euros, en función do orzamento e das solicitudes que se tramiten xa que se trata dunha convocatoria en réxime de concorrencia.
As Anpas dispoñen de 20 días hábiles, a contar desde mañá sábado, para tramitar as solicitudes, dacordo co que se indica nas bases publicadas no Bop e dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo, no apartado de Medio Rural.
A concesión farase por orde de solicitude, ata esgotar o orzamento dispoñible, de 40.000 euros, entre as que cumpran cos requisitos establecidos.