Lugo, a 28 de abril de 2022. O goberno provincial está metido nunha polémica co Sindicato de Técnicos de Enfermería polo funcionamento da residencia de maiores de Trabada, que depende da Deputación provincial. O sindicato denunciou na Inspección de Traballo ás condicións nas que os traballadores desenvolven as súas funcións. Asegura tamén que aos problemas de índole laboral repercuten na calidade asistencial. Fronte a estas denuncias, o goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, sostén que o centro recibe inspeccións e que en ningunha das actas se fai referencia a eses problemas. A vista da actual situación, o grupo provincial do PP, por boca de Óscar Poy, viceportavoz popular, reclama do goberno provincial que explique con claridade que é o que ocorre na residencia de Trabada.
Poy di que “é lamentable que o bipartito se enfronte aos traballadores dunha residencia da Deputación, en vez de aclarar as cousas, sentarse a falar e ver como resolver os problemas”. Os populares din que “unha vez máis socialistas e nacionalistas dan claras mostras da súa incapacidade para practicar a autocrítica; sempre optan polo enfrontamento en canto as cousas non van como eles queren”.
Á vista do que ocorre en Trabada, Poy quere que o goberno provincial, informe de se nas outras residencias que dependen da Deputación se dan problemas similares aos denunciados na de Trabada. “Queremos que se nos diga con claridade se este é un problema puntual, dunha residencia en concreto, ou é un problema do modelo; é importante sabelo, porque os problemas hai que corrixilos a tempo”.
Poy sinala: “Ao presidente da Deputación non lle gustan nada as críticas, como se ve de novo neste caso. As queixas dos traballadores da residencia de Trabada merecen ser escoitadas, primeiro paso para solucionar os problemas, algo especialmente importante cando os afectados, finalmente, son os nosos maiores”.