Ribadeo, 19 de abril de 2022. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, rexeita as críticas vertidas nas últimas horas polo grupo municipal do PP. O edil nacionalista subliña que durante a Semana Santa houbo servizo de limpeza viaria e recollida de lixo. Díaz Freije critica que a planta de transferencia de Sogama, situada en Barreiros, estivese pechada o día de Venres Santo e tamén o Domingo de Pascua e que o sábado so abrise durante cinco horas, creando así serias dificultades aos Concellos. Para o concelleiro ribadense a planta de Barreiros é insuficiente para a xestión do lixo que se xera na Mariña e fai unha chamada de atención para que isto non volva producirse.
Jorge Díaz manifestou: “desde o Concello de Ribadeo queremos aclarar e rexeitar rotundamente estas declaracións infundadas do PP, porque si houbo recollida de lixo e si se prestou servizo de limpeza todos os días da Semana Santa. Pero a planta de transferencia de residuos situada en Barreiros non prestou o servizo que debera ter e polo que cobra bastante, concretamente cerca de 60 euros (máis IVA) por tonelada a todos os Concellos da Mariña”.
O edil de Medio Ambiente cre que “non é xusto o que nos está a facer porque nunha Semana Santa como esta, que foi moi boa xa que viñeron milleiros e milleiros de persoas á Mariña, que visitaron Ribadeo e as nosas praias e estiveron nos nosos hoteis e nos demais establecementos hostaleiros, tanto bares como restaurantes, e nos nosos espazos. E vímonos indefensos porque se encheron os nosos camións de residuos, que tiveron que substituír á planta de transferencia de Barreiros porque o Venres Santo non estivo aberta, o sábado abriu 5 horas e o domingo volveu estar pechada. Vímonos indefensos porque tanto Ribadeo como as outras localidades da Mariña estaban ateigadas de xente”.
O concelleiro ribadense engadiu: “e agora veñen os do Partido Popular a criticarnos a xestión porque é moi fácil botarlle a culpa aos demais, pero primeiro deberían mirar o que pasa na planta de transferencia de residuos de Barreiros, que a día de hoxe é insuficiente. Simplemente serve para amontoar e esmagar os residuos e a día de hoxe non está á altura das circunstancias para o movemento de xestión de residuos que ten actualmente A Mariña. Polo tanto isto pode volver suceder porque agora estanse movendo moitas persoas na Mariña lucense. E concretamente Ribadeo é un punto estratéxico da comarca, igual que outras localidades, e queremos un servizo digno porque o pagamos moi duramente. Noutras autonomías os Concellos pagan bastante menos e teñen un servizo moito mellor”.