Cervo, 09 abril de 2022.- O concello de Cervo programa para esta Semana Santa actividades para todos os gustos e para todas as franxas de idade.
A inauguración terá lugar hoxe sábado 9 de abril, ás 12:30H na Praza do Souto, co Taller Infantil “Ovos de Pascua”. Xa cara a noite, dentro do ciclo de concertos O Son do Nordeste, actuará The Nunzia´s Rock Cover Band ás 21:30H na carpa da Praza dos Campos.
O domingo 10 de abril, dentro do ciclo de concertos A Caixa de Música, actuará o grupo Axóuxere de Roupar, ás 13:30H na Praza do Souto.
De luns a mércores, de 11H a 14H os nenos e nenas poderán desfrutar das actividades realizadas en Enredos, mentres que pola tarde gozarán do torneo de fútbol 7 e o láser tag, a través de Xuventude.
O mesmo mércores 13, de 17H a 20H, haberá inchables na Praza dos Campos para os nenos e nenas, e xa pola noite, dentro do ciclo de concertos de O Son do Nordeste, actuará The Corporation a partir das 21H.
O xoves 14 tocará La Disquetera dentro do ciclo A Caixa de Música, ás 13:30H na Praza do Souto. Xa pola noite será a quenda para Rachel & The Blue Batons, a partir das 21:30H na Praza dos Campos.
O venres 15, ás 21:30h Os Carunchos ofrecerán o seu espectáculo na Praza dos Campos.
O sábado 16 será a quenda para a Festa do Mexillón. Ao longo do día poderán degustarse as mellores tapas elaboradas co molusco nos diferentes locais de hostalería de San Cibrao.
Xa pola noite amenizarán a orquestra Fania Blanco Show e a Disco Móbil Chocolate.
O domingo pechará esta programación de abril a actuación da Mekanika Rolling Band, pertencente ao ciclo A Caixa de Música, ás 13:30H na Praza do Souto.
Tanto na Praza do Souto como na Praza dos Campos hai instaladas dúas carpas para poder gozar das actividades aínda que as inclemencias do tempo non acompañen.