Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que ante a crise económica como a que estamos vivindo, “un goberno do BNG na Xunta impulsaría a tarifa eléctrica galega, impostos ás eléctricas, rebaixas das peaxes, axudas para os sectores produtivos e medidas sociais para as familias máis vulnerables.
Na súa visita a Lugo, Pontón aludiu á situación política galega e a volta de Feixóo a Galiza tras a súa xira como presidente do Partido popular da que dixo, os galegos e galegas non merecemos ter un “presidente parcial e un goberno paralizado na Xunta” máis pendente da “sucesión interna no Partido popular” que dos problemas da cidadanía.
Hoxe, dixo, Pontón, a Xunta celebra o seu Consello e agardamos desta reunión “algunha medida” para paliar a crise económica. Levamos dous meses nos que a Xunta non “tomou ningunha medida” ante a escalada de prezos e moito nos tememos que hoxe volveremos a ver “fume” en vez de medidas reais para as persoas que non poden pagar a luz a final de mes e a subida dos carburantes. Dende o BNG, afirmou, tomariamos medidas contundentes para defender “unha tarifa eléctrica galega para beneficiarnos da riqueza eléctrica en Galiza, subirlle os impostos ás eléctricas para que contribúan a paliar a crise e rematar cos “beneficios caídos do ceo”, poñer en marcha unha batería de axudas extraordinarias para os sectores produtivos, prezos xustos para cumprir coa cadea alimentaria, reducir as peaxes das autoestradas e incrementar as axudas sociais”.
Estas, recalcou a nacionalista, “serían as medidas que estaría impulsando un goberno dirixido polo BNG”, un goberno centrado en ofrecer solucións aos problemas dos galegos e galegas pero lamentablemente estamos ante un goberno da Xunta “paralizado por unha crise de corrupción do Partido Popular, que estes días volve a agromar”.
A xuízo da líder os BNG, “as augas no PP non van tranquilas e existe unha loita de poder entre as baronías” e o máis grave, é que na maior crise dos últimos 37 anos , “o Goberno galego está fóra de xogo”.
Os galegos e galegas recalcou Pontón, “merecen respecto” e pedimos “ao presidente da Xunta en funcións e ao goberno que aparquen o seu sudoku interno e a guerra interna de poder” que hipoteca o futuro de Galiza.
Os gobernos do BNG impulsan cidades para as persoas, non para os coches
Tras a súa visita A Mosqueira en Lugo, a portavoz nacional do BNG afirmou que esta actuación urbanística responde “ao cambio da cidade” impulsado pola entrada do BNG no goberno municipal, hai dous anos e medio. Nese momento, explicou xa deixamos claro que viñamos a mellorar a calidade de vida e a dinamizar o goberno municipal.
Neste sentido, afirmou que a transformación urbana debe procurar “cidades para as persoas e non os coches”. Temos que acadar espazos urbanos accesibles e igualitarios e iso responde a unha esa concepción política en base a un novo modelo de cidade, como xa acontece en Pontevedra. As cidades do século XXI deben estar ao servizo da cidadanía e ser motor de economía.
Pontón parabenizou ao equipo municipal do BNG e ao tenente de Alcalde, Rubén Arroxo por impulsar a transformación da cidade de Lugo.