Ribadeo, 6 de abril de 2022. No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foi aprobado definitivamente o expediente de expropiación de terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo. Tamén se aprobaron dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os Concellos limítrofes de Trabada e de Barreiros, segundo asegurou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor declarou: “moi interesante este primeiro dos dous plenos que levaremos adiante esta semana. No de onte saíron todos os puntos adiante. Houbo dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os dous Concellos limítrofes. Por unha banda, fixemos unha encomenda de xestión co veciño Concello de Trabada para arranxar e ampliar unha ponte que nos une entre Teixido-Piñeiro e mais a parroquia trabadense de Balboa. E pola outra banda, aceptamos unha encomenda de xestión do outro Concello veciño de Barreiros para levar conxuntamente outro obradoiro dual de emprego, relativo aos servizos sociais, especialmente para persoas maiores”.
Fernando Suárez contou que “tamén acordamos aprobar definitivamente o expediente de expropiación dos terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo”.
O alcalde relatou que “se debateu unha moción do PP sobre as melloras na sanidade, onde o PP pretendía recriminar actitudes máis valentes do goberno do Estado, algo que pola nosa parte compartimos. Pero cando lles propuxemos requirirlle esas mesmas actitudes ao goberno galego, responsable da sanidade pública, xa non pensaron o mesmo. Polo tanto estas mocións tipo, son valeiras de contido e tan só son unha pura propaganda, son presentadas aquí, en Burela, en Viveiro… De feito, unha das causas maiores da falta de profesionais actualmente son as políticas nefastas que os gobernos do PP de Rajoi levaron adiante coa supresión das taxas de reposición de funcionarios ou mesmo a precarización dos sanitarios que levaron a unha chea deles a ter que emigrar, etc. De todo isto o PP ten memoria de peixe”.
E engadiu: “e logo coma sempre rogos e preguntas, onde fomos respondendo a todas e cada unha das cuestións que se formularon por parte dos grupos da oposición, comprometéndonos a atender aquelas positivas e que redundan no interese de Ribadeo e rexeitado aquelas outros que son demagóxicas ou extemporáneas”.