Cerceda, a 5 de abril de 2022. A compostaxe doméstica continúa a expandirse na localidade lucense de Burela. Aos 184 composteiros entregados no seu momento por Sogama, súmase outra partida de 25, posibilitando que outros tantos fogares formen parte desta iniciativa.
Como vén sendo habitual, é necesario que os candidatos habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica.
Xunto cos recipientes, Sogama subministrará ao ente local 25 cubos domiciliarios marróns para que os usuarios poidan trasladar máis comodamente os restos de alimentos desde a cociña ata o compostador, que debe estar localizado no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
A través da ampliación deste programa, o Concello pretende obter importantes beneficios ambientais, ao poder verse diminuída a frecuencia de recollida e transporte do residuo convencional, así como as emisións de CO2 á atmosfera. Tamén económicos, derivados da redución das cantidades de lixo entregado a Sogama para o seu tratamento final; e sociais, xa que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Os interesados teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, co que poderán ampliar coñecementos, resolver dúbidas e acceder a recursos didácticos, divulgativos e lúdicos de interese para perfeccionar a técnica de autocompostaxe.
Con esta nova dotación, xa son 209 o número de composteiros cos que conta Burela para seguir avanzando na reciclaxe da materia orgánica e a economía circular.