Cervo, 30 de marzo de 2022. O Concello de Cervo vén de solicitar á Deputación de Lugo que asuma os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) para avanzar nunha mellora da xestión e da atención das emerxencias na provincia de Lugo. O alcalde, Alfonso Villares, remitiu un escrito ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para formalizar esta petición ante a administración provincial.
COMPETENCIA DAS DEPUTACIÓNS
Na misiva, Cervo lembra que a lexislación vixente establece que a atención das emerxencias é unha competencia de carácter local, que corresponde á propia Deputación provincial naqueles municipios de menos de 20.000 habitantes que, no caso da provincia de Lugo, son todos menos o da capital.
En concreto, así se recolle na Lei 7/1985 reguladora das Bases do Réxime Local, na Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia e, como norma máis recente, na Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, aprobada polo Goberno autonómico bipartito.
“A letra d) do artigo 26 da Lei de Emerxencias autonómica indica claramente que son as provincias as que deben garantir a prestación do servizo de protección civil e de xestión das emerxencias, naqueles municipios de menor tamaño que non dispoñan de servizos propios por non resultar obrigados”
Baseándose nese mandato normativo e competencial Cervo require á Deputación de Lugo que asuma unha maior implicación tal e como fai agora, por exemplo, coa xestión directa dos parques comarcais contra incendios.
Cervo lembra que os GES son un servizo esencial, cuxa continuidade debe blindarse, ao tratarse dos servizos de emerxencia máis próximos aos cidadáns e os primeiros en prestar unha resposta rápida ante unha emerxencia.
MÚLTIPLES VANTAXES
Que a Deputación de Lugo asuma a xestión directa dos GES suporía ademais múltiples vantaxes desde o punto de vista organizativo e tamén beneficios laborais para os profesionais que forman parte destes grupos.
Así por exemplo, para un mellor funcionamento sería importante garantir que os GES estean xestionados e coordinados desde un ente supramunicipal, como é o caso da Deputación, e non polos concellos nos que teñen a súa sede, como acontece ata o de agora. De feito, o ámbito de actuación dos GES na atención das emerxencias transcende ao do concello matriz, estendéndose a municipios da súa contorna, aínda que funcionalmente dependan da administración municipal na que teñen a súa base.
A integración na Deputación tamén traería melloras desde o punto de vista laboral para o persoal deste servizo, pois sería un avance decisivo cara a especialización e profesionalización deste grupos, así como permitiría facer máis sinxelo que o seu labor se centre en actuacións en materia de protección civil e prevención das emerxencias.
DEBATE NO MOMENTO IDÓNEO
Cervo considera que este é o momento idóneo para impulsar esta petición, como parte do debate aberto a instancias da propia Deputación de Lugo quen, nas últimas xuntanzas da Comisión de seguimento do convenio GES, apostou por reformular o modelo de xestión destes grupos.
De feito este foi un dos argumentos empregados desde a administración provincial lucense para asinar a prórroga do convenio de financiamento dos GES tan só por un ano e non por tres, como acontecía ata o de agora, aducindo a necesidade de buscar e consensuar durante este tempo, entre todas as partes, fórmulas para mellorar o sistema de prestación do mesmo.
Cervo lembra tamén que o feito de que a renovación do convenio fora por só un ano implicou o sacrificio de certas melloras. Así os concellos que son sede dun GES deixaron de percibir 40.000 euros anuais, cantidade que si perciben todos os concellos da provincia de Ourense que teñen GES porque a entidade provincial si quixo renovar ese convenio por tres anos.
“Concordamos en que hai que seguir avanzando na mellora do funcionamento e operatividade dos GES e creemos que a mellor fórmula é que pasen a estar xestionados pola Deputación. Unha sociedade moderna e segura ten que contar cuns servizos de emerxencia ben preparados que poidan facer fronte a calquera incidencia, salvar vidas e evitar danos”.