Ribadeo, 1 de abril 2022. A delegada de Medio Rural dos populares ribadenses, Montse Seijo, denuncia a “deixadez absoluta” por parte do goberno do BNG en relación ás fontes das parroquias e da vila de Ribadeo. “Despois de visitar estes días as diferentes fontes das parroquias de Cubelas, na Devesa, Rinlo, Vilaframil e no fondo de Vilamariz; observamos que están abandonadas”.
Montse Seijo explica que “estas fontes foron rehabilitadas por gobernos anteriores e, incluso, polo propio goberno do BNG. Pero a falta de conservación leva a que as fontes, lugares tradicionais de encontro, se atopen en estado de abandono absoluto”.
“Son demasiados anos sen preocuparse e o que é peor, sen ocuparse”, matiza. “Seguen sen traballar, sen contar cun plan de execución, de mantemento e conservación dos espazos públicos, das infraestruturas e do noso patrimonio”, engade.
“A Xunta de Galicia vén de rehabilitar a fonte de Guimarán, aportando máis de 5.000 euros. Agora, agardamos que o goberno do sr. Suárez a saiba conservar”, indica Seijo.
A popular convida, así mesmo, ao goberno do BNG a “non perder máis o tempo e empezar a traballar xa para recuperar o legado dos nosos antecesores”, conclúe.