Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022.- A Xunta investirá 5,2 millóns de euros na execución do novo colector xeral de Burela, que mellorará o sistema de saneamento do municipio.
Estas obras, que desenvolveranse como colaboración técnico-financeira da Xunta co Concello de Burela. Constitúen unha primeira fase da mellora do sistema de saneamento e depuración do municipio e completaranse coa execución da nova depuradora, cuxo proxecto está redactado e pendente da tramitación ambiental.
As actuacións proxectadas teñen como obxectivo o reforzo da capacidade dos colectores existentes, evitando os alivios sen tratamento previo e concentrando nun único punto as augas a tratar para o seu envío á depuradora, funcionando como bombeo de cabeceira. O prazo de execución dos traballos é de 15 meses.
De modo máis detallado, acometerase unha estación de bombeo e tratamento de augas residuais que recollerá a maior parte das augas residuais de Burela para impulsalas cara á futura depuradora.
A intervención tamén inclúe a renovación da rede de colectores xerais de saneamento para dirixir as augas residuais á nova estación, e a execución de novos colectores secundarios para dar servizo de saneamento á zona portuaria, reducindo a infiltración de auga ao sistema.
Ademais, construiranse unha impulsión á nova depuradora, unha condución de vertido entre a nova instalación e a depuradora actual e un bombeo secundario e a correspondente impulsión da zona adxacente á lonxa.
As obras contarán co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.
Nova depuradora
A execución do colector xeral complementarase coa nova depuradora de Burela, cuxo proxecto está xa redactado e actualmente en fase de supervisión.
A nova instalación, que virá resolver as deficiencias da actual planta, incluirá sistemas de pretratamento, tratamento biolóxico e desinfección.
A nova planta de tratamento de augas residuais situarase na zona de servizo do porto de Burela nunha parcela duns 3.500 m² nas inmediacións do novo viario de acceso ao porto.
Augas de Galicia impulsa estes traballos de mellora do sistema de saneamento deste municipio lucense en apoio ás competencias municipais en materia de saneamento e depuración.