Lugo, 29 de marzo de 2022. Contrariamente ás optimistas perspectivas coas que os deputados do PP entraron na sesión plenaria de hoxe na Deputación, o resultado final foi, de novo, decepcionante. O goberno presidido polo socialista José Tomé demostrou, unha vez máis, a súa incapacidade para recoñecer os graves problemas da provincia e, escudándose de novo no falso argumento da incapacidade económica do organismo provincial, evitou o compromiso cos lucenses, cos seus concellos e cos sectores produtivos máis afectados pola crise. Socialistas e nacionalistas uniron un pleno máis os seus votos e rexeitaron as mocións do PP nas que se propoñía un suplemento do Plan Único, para compensar a perda de poder adquisitivo polos concellos, debida á inflación, e outra para apoiar aos sectores produtivos máis afectados. Os populares indican que o goberno provincial “hoxe di que non ten cartos, pero dentro dunha semana si que os terá para facer convenios cos seus concellos, máis de 3,3 millóns de euros; van tirar do remanente, que podía ir para todos os concellos, e desta maneira o reparto non vai ser obxectivo, porque o único criterio vai ser o de sempre, o dedo do señor Tomé”.
O portavoz popular, Javier Castiñeira, declarou ao final da sesión: “Lamentablemente vemos un goberno da Deputación absolutamente inoperante; eles mesmos recoñecen a súa falta de competencia. O certo é que a Deputación de Lugo, que é un ente moi importante para a provincia, dispón de multitude de fondos, non só dos orzamentos provinciais (este ano subiron máis de sete millóns de euros), senón dun amplo remanente e incluso de ampla capacidade financeira para poder tomar decisións”.
Castiñeira di que a postura mantida polo goberno provincial non responde a “unha cuestión de cartos, é unha cuestión de vontade, de falta de vontade”. Engade: “Cando lles toca a eles ser executivos, poñerse as botas para traballar, prefiren de novo botar as culpas á Xunta de Galicia”. Medidas, di Castiñeira, “que podían ser executivas na semana que vén, merecen o voto en contra do goberno da Deputación; vota en contra dun suplemento do Plan Único para os concellos e vota en contra tamén de axudas para os sectores produtivos afectados pola inflación”.