Santiago de Compostela, 19 de marzo 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao Goberno do Estado e da Xunta a adopción inmediata de medidas para evitar o colapso de sectores claves da economía galega, -agrogandeiro, pesqueiro, industrial e mesmo a distribución alimentaria-, poñendo en risco miles de postos de traballo.
Para a líder do BNG, á espiral inflacionista únese unha folga do transporte convocada pola denominada Plataforma en defensa do transporte, que moitas fontes consideran minoritaria e vinculada a extrema dereita, pero cuxas mobilizacións están impedindo o normal funcionamento doutros sectores, mesmo con risco de verse paralizados por falta de subministro de bens e materias primas ou pola incapacidade para distribuír os produtos agrarios, leiteiros, pesqueiros ou industriais.
“En Galiza xa temos a moitas explotacións ao límite, temos moitos barcos amarrados, temos toneladas de leite e de peixe que se están tirando ante a imposibilidade de distribuírse, empeza a haber problemas de abastecemento nos supermercados, e temos un goteo continuo de industrias que anuncian que paran a produción. Todo isto supón poñer en risco moitos postos de traballo. E mentres isto pasa, pregúntome, igual que moitos galegos e galegas, onde está Feixóo? Como é posible que coa que está caendo, no medio desta crise, teñamos un presidente ausente que sigue de campaña electoral do PP”, interpela Pontón.
A líder do Bloque reclama ó Goberno central e á Xunta que “adopten de inmediato as medidas que permitan paliar a crise de prezos, en particular nos sectores cuxa actividade está ameazada pola escalada da electricidade, do gas e dos carburantes. Nin o Executivo de Sánchez pode seguir sin facer nada, mirando para Bruxelas; nin o Executivo de Feixóo pode seguir botando balóns fora, poñéndose de perfil e buscando culpables en lugar de aportar solucións”, alega.
Pontón considera que, máis alá da lexitimidade do colectivo que está detrás da folga do transporte, a realidade é que os problemas que denuncian existen, como a carestía dos carburantes ou da factura enerxética, problemas que debe ser abordados de inmediato.
Entre as propostas que formula o BNG, avanzadas pola portavoz nacional e que serán debatidas no Parlamento, que se cumpra a Lei da cadea alimentaria e se impida a venda a perdas no sector agrogandeiro, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables; fixar un prezo máximo para a electricidade no sector primario e axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimis, ás que non superan os 200.000 €, en forma de subvencións, préstamos ou deducións. Tamén no paquete de medidas destinadas ao sector primario, manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira.
En relación ós carburantes, o Bloque demanda que o Estado garanta o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da subida de prezos; a rebaixa de xeito temporal dos impostos á gasolina e gasóleo, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, e reducir as peaxes en todas as autoestradas sexan de competencia estatal ou autonómica.
Igualmente, o BNG solicitou a comparecencia urxente do presidente da Xunta no próximo pleno do Parlamento, co obxectivo de que explique as medidas do Goberno do PP ante a crise de prezos que está poñendo contra as cordas ás familias, ás empresas e provocando a paralización de sectores claves.
“Os gobernos teñen que tomar decisións e que se publiquen no BOE e no DOG de inmediato, precísanse medidas e precísanse xa porque estamos nunha crise de prezos que se suma á crise derivada da pandemia. Os dous gobernos deben tomar medidas de choque utilizando os recursos que teñen para apoiar a quen máis o necesita, para evitar que pechen empresas, explotacións agrarias, que amarren máis barcos e que iso supoña a destrución de emprego”, recalcou.