Viveiro, 16 de marzo de 2022. O Concello de Viveiro agradece públicamente a todos os veciños e veciñas a gran cantidade de material doado para Ucraína, valorando moi positivamente a resposta por parte da veciñanza a esta iniciativa e a solidariedade mostrada.
“Viveiro é un pobo acolledor e solidario, os nosos veciños así o demostran cando xurde calquera oportunidade, polo que quero darlle as grazas”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
Baixo a coordinación da concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, o Concello de Viveiro habilitou tres puntos de recollida, na Casa do Forno en Celeiro, no Centro Social de Covas e no Centro de Servizos Sociais, onde ao longo da pasada semana se entregaron gran cantidade de mantas e roupa de abrigo, produtos para bebés e produtos de hixiene.
Todo o material doado foi trasladado ao antigo centro comarcal, onde as concelleiras de Benestar Social, de Turismo e Comercio, Marisol Rey, e de Cultura e Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega, así como persoal municipal e varios voluntarios comezaron na tarde de onte a preparar os paquetes para o seu envío.
Estes traballos, que consisten en desenvolver o material doado, clasificalo, empaquetalo e rotular as caixas, prolongaranse ata o venres, día 18 de marzo. Por parte do Concello de Viveiro agradécese a colaboración de todas aquelas persoas que poidan axudar nestas tarefas, que se están levando a cabo no antigo centro comarcal, de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas.
A alcaldesa de Viveiro e o 1º tenente de alcalde, Jesús Fernández, tamén acudiron a estas instalacións municipais, onde se garda todo o material recollido, para amosar o súa gratitude polas doazóns realizadas e polo traballo do voluntariado que se encarga da súa preparación.
Unha vez que todo estea empaquetado e rotulado, o Concello de Viveiro enviará un camión co material a un dos puntos de recollida habilitados ao efecto pola asociación AGA-Ucraína.