Burela, 11 de marzo, 2022. Vitoria a domicilio do Pescados Rubén Burela que derrotou con folgura ao Sala Zaragoza no pavillón S. XXI de Zaragoza por 2-5. O conxunto mariñán encarrilou o partido nunha primeira parte na que abriu o marcador nos primeiros compases por mediación de Irene Samper (0-1). Co paso dos minutos a escuadra dirixida por Lucas afianzou o seu dominio ante un SalaZaragoza que apenas inquietaba a meta defendida por Sandra. Emilly rozou o segundo tanto cunha espectacular vaselina pero na seguinte oportunidade non perdoou a Etayo marcando o 0-2, minuto 16.
A presión alta do Pescados Rubén Burela maniatou a un equipo local que acusaba a escasa rotación dispoñible para este partido. Na recta final do primeiro período as galegas deixaron o choque encarrilado con dous goles máis. Ale de Paz ampliou a renda marcando a porta baleira tras unha boa presión e Bea Mateos situou o 0-4 definindo con clase un contragolpe.
Co 0-4 chegouse ao descanso e na continuación o Burela saltou á cancha mantendo a presión alta e rapidamente cortou calquera indicio de esperanza local co 0-5 logrado por Irene Samper, minuto 23. Tras unha boa presión e roubo, a burelista marcou o quinto sen oposición. Co 0-5 o equipo galego manexou o partido con solvencia e sen moitos apuros para Jozi que entrou no segundo acto para salvagardar a portería laranxa.
No minuto 3, o Sala Zaragoza recortou distancias ao transformar Martins unha pena máxima (1-5) e Miriam maquillou o resultado co 2-5 final.
Ficha técnica
Sala Zaragoza: Etayo, Queiroz, Laura, Martins, Carmen –cinco inicial- Mirian, Maite, Antía.
Pescados Rubén Burela: Sandra, Cami, Leti M.Cortés, Irene Samper, Emilly –cinco inicial- Bea Mateos, Elena Aragón, Dany, Ale de Paz, Jenny, Jozi e Elenita.
Goles: 0-1, m.4, Irene Samper; 0-2, m.16, Emilly; 0-3, m.19, Ale de Paz; 0-4, m.20, Bea Mateos; 0-5, m.23, Irene Samper; 1-5, m.31, Martins (pen); 2-5, m.34, Miriam.
Equipo arbitral: Gómez Vermello, Lucía; Paraíso Sopena, Susana. Mostraron cartón amarelo a Queiroz, Carmen e Antía do Sala Zaragoza. No Pescados Rubén Burela recibiron cartón amarelo Dany e Elena Aragón.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 20 de Primeira División RFEF, disputado no pavillón S. XXI de Zaragoza.