Nota de Prensa
O BNG NEGOUSE A APOIAR HOXE NUN PLENO EXTRAORDINARIO O DERRUBE DE INSTALACIÓNS PÚBLICAS NO PROXECTO DO GOBERNO LOCAL PARA A PARCELA DO QUE FOI O COLEXIO RIVERA CASAS
O PP vai facer en San Cibrao a maior demostración de derroche de recursos públicos en aras do formigón, o asfalto, o granito e grava
Os nacionalistas insisten en que este predio ten capacidade para acoller una gardería, una residencia para maiores e una praza de dimensións suficientes para as necesidades da vila
Cervo, 15 de xullo de 2010. O BNG negouse a apoiar hoxe nun pleno extraordinario o convenio de colaboración entre o Concello de Cervo e a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante o cal se pretende a demolición de todas as instalacións do que foi o CEIP Rivera Casas para a construción dun espazo aberto onde o 90% dos materiais serán formigón, asfalto, granito e grava, uns materiais que non casan co que debería ser unha zona verde. Os nacionalistas insistiron en que con este proxecto que non nos foi presentado e coñecemos pola prensa, os veciños e veciñas de Cervo perden a oportunidade de contar no centro do pobo cunha gardería e unha residencia da terceira idade que sería compatíbel cunha praza pública de dimensións suficientes para as necesidades de San Cibrao.
San Cibrao perderá a oportunidade de contar no centro do pobo cunha residencia da terceira idade, unha gardería e unha praza pública.
O BNG por medio do seu portavoz municipal, Xoán Estúa, cualificou de despropósito o proxecto do goberno local de demoler o que foi centro de infantil do Rivera Casas na canto de aproveitalo para unha gardería, “unha actuación que requiriría un investimento mínimo e criaría un servizo que hoxe non existe”. Pos nacionalistas tacharon de “cementada” o proxecto previsto polo PP para a zona, onde o 90% dos materiais a utilizar serán formigón, grava, granito e asfalto. O goberno local perde a oportunidade de utilizar ese predio para crear un lugar de convivencia onde compartan espazo a gardería municipal que non existe, a construción do centro da terceira idade e unha praza das dimensións suficientes e a carón do mar que dinamizaría económica socialmente o centro de San Cibrao.
Os nacionalistas insisten en que con este proxecto perdese mais do que se gaña
O BNG volveu poñer sobre a mesa a o argumento de que o PP está empeñado en apartar para a periferia ás persoas maiores que ademais suporá a perda de mais de 2.000m2 de solo deportivo na Veiga para a construción da residencia da terceira idade, nun lugar que non gusta a moitos veciños e veciñas cando se podería construír no centro e sen perda de solo deportivo; ademais cualificaron de “falsa austeridade” a demolición do centro de infantil do Rivera Casas que podería reconverterse en gardería, “para Estúa gastar un millón de euros en demolicións de infraestruturas públicas reutilizabeis para convertelas nunha cementada e renunciar a unha xestión eficaz e racional dos recursos públicos, algo que nestes momentos de crise debería ruborizar a calquera”.