Lugo, 7 de marzo de 2022. A Deputación de Lugo elabora estes días na rede de Centros de Atención a Maiores a exposición As nosas mulleres e grava un documental audiovisual polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Dúas actividades nas que os usuarios e usuarias xunto co cadro de persoal levan traballando dende mediados de febreiro ata a inauguración da mostra, que se fará este martes.
Nestas iniciativas traballan os centros de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira. A exposición consiste en elaborar unha pequena biografía de cada unha das mulleres que residen nos centros, expoñendo as súas principais virtudes e destacando a parte do corpo que máis lle gusta delas. Así mesmo, graváronse pequenas pezas audiovisuais onde se conta en primeira persoa quen é cada unha delas, repasando os seus principais fitos persoais e os gustos e afeccións, poñendo en valor aquelas características que as distinguen das demais.
Así mesmo, na residencia de Pedrafita do Cebreiro gravaron un documental audiovisual co título Sen pelos na lingua onde as persoas que residen no centro expresan e afondan sobre a igualdade, roles de xénero, violencia machista e outros temas que afectan á desigualdades entre homes e mulleres. Esta produción proxectarase en todos os centros de maiores da rede provincial este 8-M para crear un momento de reflexión e debate arredor da temática.
O obxectivo, explican dende a Deputación, é fomentar o benestar emocional e recoñecemento das mulleres dos centros, fomentar actitudes de igualdade e contribuír a crear un bo clima de solidariedade e convivencia. Tamén se considera relevante promover a educación en valores e a equidade de xénero mediante actividades que superen os estereotipos sociais ligados ao sistema sexo-xénero. Así mesmo, estímase oportuno crear as canles de comunicación axeitadas para fomentar a participación activa entre a comunidade de cada residencia, creando un sistema de relación xusto e respectuoso.
Con motivo deste 8-M tamén se fará nos centros a dinámica de grupo As mulleres de antes, de agora e sempre onde tamén se implicarán os equipos de terapeutas ocupacionais e traballadores sociais.
Pancarta e alumeado da fachada
Dende esta fin de semana e ata o venres, 11 de marzo, pendurarán da fachada do Pazo de San Marcos pancartas en cor violeta en reivindicación da igualdade de homes e mulleres co lema Querémonos vivas, libres e iguais. Esta noite e ata o xoves, 10 de marzo, alumearase o edificio desa mesma cor, como símbolo da aposta firme e decidida da institución en defensa dos dereitos, liberdades e a seguridade das mulleres.
Con Voz de Muller 8-M
A Deputación de Lugo organizou esta pasada fin de semana o ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M, unha nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución co fin de achegar aos concellos da provincia música en feminino nestas datas. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, destaca a boa acollida dos concertos, onde se contou o venres con Laura LaMontagne & PicoAmperio en Vilalba; o sábado, con Uxía na Fonsagrada e De Vacas en Taboada; e o domingo con Habelas Hainas en Barreiros.
Declaración Institucional da Corporación
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario de febreiro unha Declaración Institucional con motivo do 8-M, no que a institución reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, e incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.
Así mesmo, a institución provincial coorganizou xunto á Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR) a xornada A Forza das Mulleres Rurais, un encontro que se celebrou a finais de febreiro no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e que reuniu a unhas 300 mulleres. Contou coa presenza da Vicepresidenta Terceira do Goberno de España e Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera.