Ribadeo, 7 de marzo de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, ven de enviarlle unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na que o Concello se compromete a crear unha rede de voluntariado entre as familias ribadenses que quixeran de xeito solidario e altruísta manter contacto e ir integrando na sociedade aos posibles refuxiados de Ucraína que puidesen chegar ata aquí. O rexedor ofrece a colaboración do Concello de Ribadeo á Xunta de Galicia e proponlle que inclúa entre as infraestruturas para acoller a esas persoas o Campamento Xuvenil da Devesa, xa que está nunhas óptimas condicións para acollelas con comodidade durante un tempo indeterminado.
Suárez Barcia dixo que “por mor desta inadmisible e terrible guerra creada por Rusia e polo seu presidente Putin contra a poboación de Ucraína, vemos que desde o goberno do Estado e desde a Xunta se están a coordinar para ofrecer prazas de acollida de posibles refuxiados que poidan vir dese país invadido. E desde Ribadeo temos que dicir que sempre fomos un concello aberto e de xentes solidarias e dispostas a botar unha man do xeito que mellor se adapte ás circunstancias, ben sexa en materia de acollemento ou en materia de acción humanitaria en xeral”.
O alcalde ribadense sinalou que “a verdade é que vemos que nestes momentos está sendo todo un pouco confuso sobre o mellor xeito de poder axudar e de aí que lle acabamos de comunicar ao presidente da Xunta o noso compromiso de poñer da nosa parte todo canto poidamos facer. Vemos que no tocante a Ribadeo xa ofreceron o centro de Pedro Murias, pero botamos de menos que non ofrezan o albergue da Devesa, porque estas instalacións de titularidade autonómica están nunhas óptimas condicións para acoller varias ducias de persoas con comodidade e por un tempo indeterminado”.
Fernando Suárez manifestou que “con todo, debemos pensar que con acoller a cidadáns doutras nacionalidades en lugares comunitarios como estes non resolvería o problema, dado que habería que ir socializando e habería que ir integrándoos paseniñamente na nosa sociedade durante o tempo que poidan estaren aquí. Para iso, desde o Concello de Ribadeo comprometémonos a crear unha rede de voluntariado entre as familias do noso concello que quixeran de xeito solidario e altruísta manter contacto e ir integrando na nosa sociedade a estes posibles refuxiados”.
O rexedor engadiu que “estamos convencidos que se facemos un chamamento serio e coordinado a través dos nosos servizos sociais a toda a cidadanía de Ribadeo para acollemento directo ou para integración paulatina destas persoas habemos, sen dúbida, ter unha resposta positiva e rápida. Así pois ofrecemos facer todo isto coa necesaria coordinación coa Xunta, coa Deputación e co goberno do Estado. Estamos seguros de que poderemos ser un exemplo de recepción, de coidado e de integración destas persoas que acaban de ter que fuxir dos seus fogares, dos seus pobos e das súas cidades por mor dunha agresiva invasión militar”.