Burela, 5 de marzo, 2022. Cómoda vitoria do Pescados Rubén Burela por 6-0 ante o Penya Esplugues que visitou Vista Alegre moi minguado polas baixas aínda que defendeu con orgullo o seu escudo. O conxunto burelista recupera a senda do triunfo cunha boa primeira parte na que deixou encarrilado o partido.
A escuadra mariñá iniciou o encontro moi enchufado e nos primeiros compases xa gozou dunha clara ocasión de Peque para inaugurar o marcador. Tras este primeiro aviso o Pescados Rubén Burela tomou o control do xogo ante a resistencia visitante que liquidou Ale de Paz cun gran disparo desde a frontal no minuto 2.
O Burela exerceu un dominio absoluto do xogo e tras varias ocasións erradas ampliou a súa renda no minuto 9. Tras unha bonita acción colectiva Bea Mateos foi a encargada de marcar o 2-0 culminando a xogada no segundo pau. O Penya Esplugues reaccionou con varios intentos sobre a meta defendida por Sandra Buzón pero pagou caro o seu atrevemento co momento de inspiración de Irene Samper. A xogadora laranxa asestou un dobre golpe ao conxunto catalán marcando o 3-0 nunha contra fulgurante e o 4-0 noutra xogada colectiva finalizada ao segundo pau.
Con este marcador chegouse ao descanso e na continuación o Pescados Rubén Burela baixou un pouco o ritmo da primeira parte ante un Penya Esplugues que seguía buscando as súas opcións nalgún contragolpe, Sandra Buzón desbaratou as escasas ocasións visitantes. No minuto 26 Emilly logrou marcar o 5-0 cun potente disparo desde a frontal e na recta final Elena Aragón completou o set laranxa co 6-0 final.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela: Sandra, Dany, Peque, Irene, Ale de Paz –cinco inicial- Camila, Jenny, Lara Balseiro, Bea Mateos, Elena Aragón, Leti M.Cortés, Emilly.
Penya Esplugues: Laia Beltrán, Ruth Aurín, Martita, Celia Cata, Pilar Ribes –cinco inicial- Clara Sitjas, Mireia Tremps, Aina Torrents Goles: 1-0, m.2, Ale de Paz; 2-0, m.9, Bea Mateos; 3-0, m.13, Irene Samper; 4-0, m.13, Irene Samper; 5-0, m.26, Emilly; 6-0, m.36, Elena Aragón.
Árbitros: Menéndez Nistal, Vilas López
Incidencias: Partido correspondente á xornada 19 de Primeira División RFEF, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela. 300 espectadores. Antes do inicio do partido gardouse un minuto de silencio en memoria de Ana Nogueira, socia burelista. Corredor de honra realizada por Penya Espluges ao Pescados Rubén Burela polo seu título de Supercopa de España recentemente conquistado en Jérez de la Frontera.