Viveiro, 23 de febreiro, 2022. O BNG de Viveiro, a través da sua concelleira Miriam Bermúdez, vén de presentar alegacións en contra unha nova subida da tarifa da auga en Viveiro. O Goberno Municipal de María Loureiro defendeu novamente á empresa Viaqua para aplicar o máximo incremento posible na tarifa de abastecemento e saneamento sen ningún tipo de xustificación, isto é, un aumento do 3,8% conforme á variación do IPC.
Foi o goberno do PSOE en 2003 cando, a petición de Viaqua, modificou o contrato da auga para incluír o IPC como escusa para subir os prezos de forma desproporcionada, algo actualmente fóra da lei, e nun paso cara a privatización e mercantilización dun ben fundamental. En todo caso, o contrato recolle que o IPC será o máximo incremento que se poida aplicar ás tarifas, sempre que isto quede xustificado. O criterio de máximos foi recollido no informe de Xestión Tributaria, e nun exercicio de oscurantismo ocultado na proposta da alcaldesa que foi levado ao Pleno. Sen embargo, sen ningún tipo de xustificación, o Goberno do PSOE aumenta as tarifas ao máximo, como veu facendo de forma reiterada outros anos, co único voto en contra do BNG. Bermúdez advirte que tras este “tarifazo”, o ano que vén o PSOE aplicará outro peor, xa que o incremento do IPC é enorme.
O BNG leva solicitando dende a última subida, fai un ano, que se xustifique o custo real que lle supón á veciñanza o recibo da auga. A nova suba, nin sequera repercutirá nun mellor servizo ou melloras na envellecida rede, senón directamente aumentará os beneficios da empresa concesionaria.
Bermúdez lembra que cunha xestión máis eficiente poderíanse lograr reducir as tarifas dos servizos e manter unha maior calidade. Neste sentido, lembra cando en 2019 o BNG presentou unha inicitiva para a rebaixa no canon do lixo, sen custo para as arcas do concello, e que non foi aplicado inicialmente por unha mala xestión municipal, pero logrouse tras a inicitiva do BNG.