Lugo, 23 de febreiro de 2022. O goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, ten sobradamente demostrada a súa falta de vontade para aceptar propostas da oposición, é dicir, do PP, por máis importantes que poidan ser para os intereses dos concellos lucenses. Na sesión plenaria celebrada o martes, ocorreu novamente. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira: “O grupo provincial do PP presentou unha moción de urxencia no pleno ordinario, para que a Deputación axude aos concellos a xestionar o novo contedor, o marrón, o de recollida dos residuos orgánicos; non admitiron a urxencia e desa maneira evitaron o debate deste asunto”.
Castiñeira explica: “A recollida do lixo e una competencia propia dos concellos. Para colaborar con eles na implantación deste novo contedor, a Xunta vén de lanzar axudas (o prazo para solicitar as subvencións finalizou) por importe de máis de 13,5 millóns de euros. Nós queriamos que a Deputación de Lugo, cumprindo coa súa función de cooperación cos concellos, especialmente cos máis pequenos, axudara nesa xestión”.
O portavoz popular destaca que socialistas e nacionalistas “non quixeron admitir a urxencia a pesar de que xa hai moitos concellos que están elaborando a súa estratexia de recollida co contedor marrón”. Esta negativa “foi unha peza máis na liña deste pleno, dedicado, porque así o impón o goberno provincial, a debater asuntos da Xunta de Galicia e a facer oposición ao goberno autonómico”.
Castiñeira indica que “cando se tratan no pleno asuntos que entran plenamente nas competencias da Deputación como son as estradas provinciais e aumentar a cooperación cos concellos, Tomé di non, que non hai cartos; neste caso, non quixeron nin debater o asunto, o cal é grave”.
Os populares din que no pleno quedou claro que “os municipios da provincia non poden contar co apoio da Deputación na xestión do contedor marrón, algo que entendemos que é necesario e obrigado para unha institución que ten como competencia principal a cooperación cos concellos pequenos”.