Lugo, 21 de febreiro de 2022 . A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará na reforma do campo de Lavandeiras en Viveiro. O deputado de Deportes, Efrén Castro, ratificou o compromiso para cofinanciar a renovación destas instalacións deportivas, situadas en Celeiro, nunha reunión mantida esta mañá no Pazo de San Marcos coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e coa directiva do Celeiro Club de Mar.
A área de Deportes achegará 40.000 euros para financiar a actuación demandada polo club local de dotar o campo das condicións necesarias para adestrar e xogar, concretamente unha zona de vestiarios e servizos de auga e luz.
Efrén Castro explicou que “hai meses mantivemos unha reunión co club na que xa manifestaramos a nosa disposición a colaborar. No encontro desta mañá ratificamos o noso compromiso en base a un proxecto e un orzamento concreto, elaborado polo Concello de Viveiro e que require tamén a implicación da Xunta de Galiza”.
“Agardamos que este acordo supoña un impulso definitivo de cara a execución das obras, que dotarían o barrio de Celeiro dunhas instalacións propias e acondicionadas para a práctica deportiva desde as categorías de base”, sinalou o responsábel provincial.
O proxecto de reforma, que o Concello de Viveiro cifrou en 120.000 euros, inclúe a instalación no recinto de casetas de vestiarios, banquiños e un valado perimetral entre o terreo de xogo e a zona de público, dacordo coas normas sobre instalacións deportivas. Ademais, modificarase a instalación eléctrica do campo para que os proxectores actuais conten cunha subministración propia.
O secretario do Celeiro Club del Mar Martín Rodríguez explicou tras a xuntanza que “a reforma do campo de Lavandeiras é un dos obxectivos da entidade desde que en 2014 retomaron o fútbol en Celeiro”. O equipo, que compite en Terceira Autonómica, ven empregando para adestramentos e partidos o campo de Trasvías de Galdo, ante a falta de instalacións adecuadas en Celeiro.
“Sempre estivemos pelexando por xogar no campo de fútbol de Lavandeiras en Celeiro pois é a nosa casa e, despois da reunión de hoxe, ese día parece máis cerca. Xogar no noso campo sería un plus para o equipo, pero tamén para o concello porque nos animaria a sacar adiante un proxecto de fútbol base”, afirmou
Apoio ao deporte na Mariña
A achega para a reforma do campo de Lavandeiras engádese a outros proxectos, realizados ou en proxecto, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre eles a renovación do campo de tiro de San Roque, tamén en Viveiro, a construción dunha pista polideportiva en Ribadeo, as reformas do campo municipal de Malates, en Foz, e do Árbol, no Valadouro, ou o acondicionamento das instalacións dos clubs de piragüismo Kayak e Altruán. O apoio ao deporte da Mariña concrétase tamén en distintas liñas de axuda anuais a clubs e entidades deportivas da comarca, que en 2021 sumaron preto de 350.000 euros