Lugo, 20 de febreiro de 2022. José Tomé Roca foi proclamado Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo no IV Congreso Provincial socialista que se celebra este domingo no hotel Torre de Núñez baixo o lema Lugo Avanza. Tomé Roca asegurou que deste congreso “os socialistas saímos unidos e máis fortes para darlle un novo impulso ó Partido Socialista na provincia, para seguir medrando, para seguir ampliando a representación institucional e para seguir mellorando a nosa provincia e a vida dos nosos veciños e veciñas. A provincia necesita máis Partido Socialista”.
Dende un “bo punto de partida”, pois o PSdeG goberna a día de hoxe para o 65% da poboación lucense, con 27 gobernos, catro cogobernos, e a Deputación de Lugo, o Secretario Provincial situou como obxectivos “consolidar as alcaldías que temos, conseguir outras novas nas que temos clarísimas opcións, manter a Deputación e, con toda esa forza municipalista, axudar a renovar o Goberno de España e a recuperar o Goberno da Xunta de Galicia, que tanta falta lle fai a este país”.
Para continuar avanzando e lograr estes obxectivos, Tomé Roca establece no plano orgánico unha serie de medidas, que coinciden ademais co que lle foi trasladando a militancia nos encontros Camiñamos Xuntos que mantivo nas últimas semanas por toda a provincia para preparar o Congreso. “Iso é moi bo, porque así é máis fácil remar todos e todas na mesma dirección”, afirmou o Secretario Xeral, explicando que, “para empezar, concordamos na unidade, en que queremos un partido unido porque iso é forza. E, neste sentido, creo que empezamos ben porque, gracias ao diálogo e ao acordo, houbo unha única candidatura á dirección do partido na provincia, e o compañeiro Xosé María Arias integrouse nesta candidatura que hoxe sae ratificada neste Congreso”.
José Tomé agradeceu a Arias que puxese “por riba de todo, a vontade de acordo e de integración, máis alá das lexítimas aspiracións persoais a optar a un cargo que calquera compañeiro ou compañeira pode ter”.
Liñas de traballo orgánico
Polo demais, o Secretario Xeral fixou catro liñas de traballo que, incidiu, “coinciden na esencia” co que lle foi trasladando a militancia:
– Máis bases. “Temos que abrir as portas das agrupacións e reactivar a nosa capacidade para ilusionar e para atraer a todas as persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo, e tamén para ser máis determinantes, tanto no plano orgánico, como institucional”.
– Máis cercanía e participación. “Está claro que o contacto, a relación directa, é a mellor maneira de coñecer as situacións e os problemas, e é a mellor maneira de encontrar solucións e de plantexar novas iniciativas e propostas. É a mellor maneira de enriquecernos como partido”.
– Máis apoio ás agrupacións. “Somos unha provincia eminentemente rural, de pequenos municipios, onde a participación na política local supón case sempre un esforzo persoal. Por iso, quero contar cun equipo técnico que dea soporte ás necesidades dos compañeiros e compañeiras. Eu non quero que ninguén se sinta só, que sinta que ten por diante unha tarefa imposible. Quero que os compañeiros e compañeiras socialistas vos sintades apoiados, escoitados e acompañados polo partido”.
– Máis coordinación das mensaxes. “Se estamos máis coordinados, darémoslle máis forza ás nosas ideas, valores e políticas. Esa é a maneira de que cheguen a máis lugares e, polo tanto, a máis xente”.
Liñas de acción política
“Estes son os pilares sobre os que se asentará o traballo orgánico nesta nova etapa do partido, pero os congresos do Partido Socialista van moito máis alá, porque definimos as liñas de acción das políticas socialistas”, asegurou o Secretario Provincial.
– Defensa do rural. Neste eido, Tomé Roca explicou que, para “ser aínda máis útiles á sociedade lucense”, como o veu facendo o PSOE ao longo dos seus case 143 anos de historia, “temos claro que traballar polo rural será unha prioridade absoluta. Para que o noso rural siga vivo. Para que a xente nova, as persoas maiores, as familias, para que todas as persoas que queiran quedarse a vivir no noso rural, poidan facelo e teñan unha vida digna”.
A fórmula para conseguilo “está clara”, consiste en “acercar os servizos públicos aos veciños e crear emprego, abrir oportunidades laborais. Xusto o que facemos os socialistas cando gobernamos e todo o contrario do que fai o Partido Popular na Xunta de Galicia”, asegurou o Secretario Provincial do PSdeG.
– Estado de Benestar. Os socialistas, explicou Tomé Roca, “defenderemos que se manteña e mellore o Estado do Benestar na nosa provincia: a sanidade, a educación, as pensións e a dependencia. Defendemos servizos públicos universais e de calidade, no rural e nas cidades, coas mesmas condicións e prestacións”.
A provincia “necesita máis Partido Socialista”, recalcou o Secretario Provincial, quen puxo como exemplo o feito de que “nos últimos 12 anos, o Partido Popular de Feijóo non abriu practicamente nin unha soa residencia pública para maiores en Galicia, mentres que só no que vai de mandato, desde a Deputación de Lugo abrimos catro residencias públicas para persoas maiores na provincia de Lugo. Catro residencias en dous anos e medio, que, xunto coas tres que xa funcionaban e coas dúas que imos abrir antes do verán, suman 9 residencias de maiores”.
– Igualdade e mocidade. Como obxectivos, José Tomé Roca tamén fixou “seguir traballando en favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres e en contra do machismo, e polos nosos mozos e mozas, para que poidan facer aquí, na súa terra, un proxecto de vida cun traballo digno, á altura da súa capacidade”.
– Sectores produtivos estratéxicos. Outro dos eixos da acción política nesta nova etapa do PSdeG na provincia segundo explicou o Secretario Xeral pasa por “impulsar os sectores produtivos estratéxicos, o agrario, o gandeiro, o forestal, o do mar, o comercio, a hostalería, o turismo sostible e de calidade, a cultura, e todo aquelo que axude a facer provincia”.
– Plan Industrial. Neste ámbito, Tomé Roca subliñou que “seremos firmes. Queremos un Plan Industrial para a provincia de Lugo e para Galicia, que aproveite e que lle dea valor aos nosos enormes recursos, e que cree emprego sostible e digno”.
– Mobilidade. O PSdeG apostará pola mobilidade, tanto interior, como polas conexións co exterior, “porque iso é progreso e competitividade”, destacou o Secretario Provincial, quen recalcou que “o Goberno de Pedro Sánchez colocounos de novo no mapa das infraestruturas, do que nos borrara o PP de Rajoy e de Ana Pastor”.
– Innovación e transformación dixital. A innovación e a transformación dixital son outras das liñas prioritarias da acción política do PSdeG “como ferramentas fundamentais para o desenvolvemento do noso tecido produtivo e do rural.
“Hoxe está aquí a historia, o presente e o futuro do partido”
José Tomé expresou o seu “orgullo enorme por asumir este reto de futuro que representa a Secretaría Xeral do Partido Socialista na provincia de Lugo acompañado da gran familia socialista que somos, porque hoxe está aquí a historia, o presente e o futuro do partido”.
O IV Congreso Provincial do PSdeG na provincia conta coa presenza do Secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, e do Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.
Tamén participan o ex Secretario Xeral do partido en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ex secretarios e ex coordinadores dos socialistas na provincia, como Juan Carlos González Santín, Luis Ángel Lago Lage ou Ricardo Varela (hoxe presidente da Comisión de Ética do PSdeG), ademais de cargos institucionais como os deputados por Lugo no Congreso, Ana Prieto e Javier Cerqueiro, o Senador César Mogo, os parlamentarios autonómicos Luis Álvarez e Patricia Otero, o ex Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga. Asisten tamén o ex Alcalde de Lugo José López Orozco, e os secretarios xerais do PSdeG na provincia da Coruña, Bernardo Fernández, de Pontevedra, David Regades, e de Ourense, Rafael Villarino.
Entre os invitados están presentes así mesmo representantes dos sindicatos UGT, CC.OO. e UU.AA. e de organizacións sectoriais, tanto do eido empresarial, social e veciñal.
Recoñecemento aos ex secretarios e ex coordinadores provinciais.
“A política é un compromiso colectivo, sostido no tempo. Unha gran carreira de relevos na que recollemos a testemuña, facémola avanzar e, chegado o tempo, pasámosllo a outro compañeiro ou compañeira”, asegurou Tomé, quen dedicou por iso unhas palabras de recoñecemento aos ex secretarios xerais e ex coodinadores do partido na provincia: Pablo Pardo, Manuel Varela Flores, José Blanco, Luis Ángel Lago Lage, Ricardo Varela, José Ramón Gómez Besteiro, Juan Carlos González Santín, Álvaro Santos e Patricia Otero.
Extraordinario traballo dos alcaldes e alcaldesas socialistas
Así mesmo, José Tomé agradeceu e puxo en valor o “extraordinario traballo que están facendo os alcaldes e alcaldesas, e os concelleiros e concelleiras do Partido Socialista na provincia de Lugo, nun tempo ademais tan difícil, tan sumamente complicado, como foron estes dous últimos anos de pandemia, no que demostramos por que somos socialistas, pois, nunha das épocas máis duras da nosa historia, puxemos primeiro o benestar das persoas, a xustiza social e o emprego”.
“Os alcaldes e as alcaldesas socialistas estivemos dando a cara, coa xente, estivemos sempre dando respostas, poñendo no centro ás persoas. E tivémolo que facer co único apoio do Goberno de Pedro Sánchez porque, cando máis o necesitábamos, a Xunta do Partido Popular dedicouse na pandemia a facer oposición ao Goberno de España, con total deslealdade, e a cargar máis competencias aos concellos sen transferir os recursos económicos necesarios”, asegurou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia, quen cuestionou a maneira que ten Núñez Feijóo de entender a cogobernanza: “a min que me reciban, pero eu non quero saber nada das Deputacións e dos Concellos onde non goberno”.
“Orgullo e valentía dos compañeiros e compañeiras que están na oposición”
O Secretario Provincial expresou o seu agradecemento aos compañeiros e compañeiras que están na oposición. “Moitas gracias por aguantar a bandeira do Partido Socialista con orgullo e con valentía, defendendo as nosas ideas e políticas. Se estar na oposición xa é difícil de por si, moito máis nestes últimos anos de pandemia. Vós merecedes un recoñecemento e un aplauso especial. Vós representades a ilusión, os ideais, o entusiasmo e a esperanza no futuro”.
“A militancia é o gran patrimonio do Partido Socialista”
José Tomé tivo palabras de recoñecemento para o conxunto da militancia socialista, “o gran activo, o gran patrimonio do Partido Socialista”. “A militancia é o elemento que lle dá a súa razón de ser, a súa forza e os seus sinais de identidade ó Partido Socialista. Porque a militancia socialista é diferente da doutras formacións políticas. É unha militancia incansable, comprometida. Xente que sinte o que vive, e vive de acordo co que sinte, que defende o socialismo todos os días, en cada momento. Por iso, neste Congreso quero render tamén unha homenaxe aos militantes. A todos e todas os que están hoxe, e aos que, por desgracia, xa non están, pero que estiveron con nós ao longo desa Historia de case 143 anos da que nos sentimos tan orgullosos”.