Sr. Alcalde: no nome da Asociación de Veciños “O Vencello” diríxome a vostede para reiterarlle o noso profundo malestar e da veciñanza pola parálise que está a sufrir o noso municipio debido en gran medida á súa ineptitude para abordar os problemas de Burela.
Poderiamos enumerarlle unha infinidade de temas que demostran que o único que vostede fai é propaganda. Sistematicamente escoitámoslle dicir que vai facer isto e que vai facer o outro, pero desgraciadamente case nunca vemos que eses titulares cos que nos agasalla se fagan realidade.
A súa inoperancia á hora de abordar problemas concretos é máis que coñecida para a gran maioría dos que vivimos neste concello. Por iso, permítanos centrarnos nun dos tantos temas que ten pendente e que ao noso modesto entender, traspasa a legalidade: Referímonos ao estado do ascensor do edificio da antiga praza de abastos, no que se atopan diferentes locais de asociacións, administracións e tamén o Xulgado de Paz.
Hai máis de dous anos que o devandito ascensor está fóra de servizo e as súas portas permanecen “tapiadas” con mobiliario e outros enseres. Hai aproximadamente un ano -nunha xuntanza mantida con vostede- xa lle advertimos de que, ao noso entender, o Concello estaba a incorrer nunha ilegalidade por non facilitar o acceso ás dependencias públicas do Xulgado de Paz a persoas con mobilidade reducida.
Daquela vostede anunciara publicamente que o ían amañar (coma fai sempre), pero dende ese anuncio nada máis soubemos. Por iso, gustaríanos que dunha vez por todas fora concreto e nos dixera cando pensan amañalo?
Tal vez para vostede o feito de que unha institución pública careza de accesos axeitados para todos os seus administrados é algo menor e de pouca importancia, pero para nós roza a ilegalidade e é un exemplo perfecto do seu desinterese por amañar as cousas.
Desgraciadamente, este tema do ascensor é só a punta dun gran iceberg. Como vostede debería saber, existen outros moitos asuntos que levan esmorecendo nesa libreta na que tanto lle gusta anotar cando imos falar con vostede.
Temas dos que non sabemos nada coma a anunciada modificación do PXOM; nin da solución que pensa darlle ao problema que levamos arrastrando neste concello co cemiterio da Puída; nin que é o que vai pasar coas obras das instalacións deportivas da Marosa; e por suposto outro tema recorrente que parece non ter fin coma é a urbanización de Torrentes.
Tampouco sabemos que é o que ten feito diante a delegación de Carreteras do Estado sobre a nosa reivindicación de instalar carteis de sinalización quilométrica de Burela nas estradas nacionais, nin si fixo algunha xestión de cara a coñecer con antelación o trazado da futura autovía ao seu paso polo municipio; nin tampouco si pensa facer algo para solucionar o tema provocado polas gaivotas (que outros concellos si teñen feito).
Continuamos sen saber cando pensa renovar o convenio da ruta circular de sendeirismo municipal (que rematou hai dous anos); nin cando ten pensado facer algo para atallar o problema do tránsito de vehículos pesados con madeira polo centro do pobo; nin que foi daquel anuncio seu de 2016 onde dixo que ían a elaborar un regulamento para o mercado municipal… Iso si, seguimos sen regulamento (que nós saibamos) e grazas a vostede, tamén estamos sen mercado… Podiamos seguir, pero creemos que abonda con esta escolma.
Como xa lle dixemos, creemos que ningún destes asuntos se arranxa só con dicir “imos facer” ou “iso xa está en marcha”. Lamentamos profundamente ter que dirixirnos a vostede nestes termos e desexariamos de todo corazón estar equivocados, pero a realidade é teimuda e ata o momento o que vostede nos ten demostrado nesta lexislatura é a súa inoperancia. Por iso, esixímoslle que exerza o seu cargo para traballar dunha vez por todas en solucionar os problemas cotiáns, concretos e importantes do noso municipio. Estariamos encantados de recoñecer que estamos equivocados… Demóstrenos con feitos que é así.
Bríxida Pino Lestao
Pta. da Asociación de Veciños O Vencello